Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A NAI INGRESOU NA UNIDADE PSIQUIÁTRICA DO HOSPITAL MEIXOEIRO DE VIGO

Imputado por abandono do fogar o pai do cativo que morreu de fame

A xuíza que leva o caso do neno que morreu por inanición en Ponteareas imputoulle ao pai do falecido un delito de abandono do fogar. O proxenitor alegou que descoñecía as circunstancias nas que se produciu a morte xa que se atopaba na vendima. Pola súa parte, a nai foi trasladada a unidade de psiquiatría do hospital vigués do Meixoeiro mentres que Xunta asume a custodia da irmán de tres anos, que tamén presenta síntomas de desnutrición.

- 08:34 26/09/2006
Tags:

Segundo fontes da investigación, a muller e os seus dous fillos chegaron ao Centro de Saúde de Ponteareas ás 3.30 horas da madrugada do domingo. O neno xa se encontraba en situación de parada cardiorrespiratoria, polo que se reclamou a intervención urxente dunha ambulancia do 061 para achegalo ata o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Aínda así, os labores de reanimación non deron resultado e certificouse a morte do cativo ás 4.10horas.

A irmán do falecido, que tamén presenta síntomas de desnutrición, e a nai foron ingresadas no Hospital Meixoeiro, á espera de que a xuíza que instrúe o caso tomelle declaración en calidade de imputada á nai, que tamén está pendente de avaliación psiquiátrica.

Pola súa parte, o pai xa prestou declaración nos xulgados de Ponteareas. A xuíza impútalle un presunto delito de abandono do fogar que, ao parecer, levaba fóra do fogar desde principios do mes de setembro a causa do seu traballo.

Sen datos da familia no concello
O alcalde de Ponteareas, Salvador González Solla confirmou que non existen datos desta familia nos rexistros dos Servizos Sociais do Concello. Os menores non estaban escolarizados nin acudían a revisións pediátricas e os pais non reclamaran nunca axudas ao concello.

A asociación Abertal reclama prevención
A asociación xuvenil Abertal condenou enerxicamente a morte deste cativo e incide en que hai que realizar unha prevención eficaz para evitar casos como o de Ponteareas. "Unha prevención eficaz non se pode levar a cabo desde o despacho" aseguran desde a asociación.

Segundo os membros deste colectivo, os servizos sociais precisan "xente que se mova, que detecte, que visite domicilios, que teña contratos de traballo continuados e non cada seis meses, que visite os colexios, os pediatras e que saiba das situacións de risco que se están a producir no seu municipio".


0/5 (0 votos)