Francisco X. Fernández Naval
Un novo artigo do escritor sobre a desfeita do Prestige
A Mancha
Os corvos mariños son aves sen voz, pero agonizan. Advírtese o seu xesto último no reiterado bater das alas, na repetida limpeza das plumas co peteiro, nas pedras en que buscan amparo. Perdido o voo, deixanse levar polo mar, ata que arromban sobre unha peneda da rompente, aquela á que sempre desprezaron e que agora os recibe e acolle sen emoción, sen mágoa.
As gabitas, agora de mans negras, voan desnortadas, co peito antes branco e hoxe acastañado. Da ducia de mazaricos que habitaban o Simprón a principios de novembro, só un ceiba o seu canto sobre a afogada escuma das ondas. Na extensión onde o vento rifa as velas, non se ven mascatos. O lagarteiro e o miñato detéñense no aire, ensimesmados nesa paisaxe deshabitada e maldita. O seu aletexar sinala un mediodía de sombras. As ondas baten vencidas contra as rochas manchadas, os homes, atordados, calan.
Aquí non hai con quen falar, xa non quedan palabras, di alguén ratificando o silencio. Nas Canarias no hai sitio para tantos, apuntará un murmurio, temeroso de rachar o engado que paraliza a tarde. O cheiro a fuel desprazou da beirada o arrecendo do anís e do argazo. Máis alá do rumor incensante das ondas, o día prégase no seu propio silencio.
No porto, os barcos cabecean autómatas, coma nun baile de morte. Na Boca do Río, Xurxo, que participa en tarefas de limpeza, quere ser positivo. Se nos manchan unha vez, limpamos, se nos manchan dez veces, dez veces limpamos. Ollando o horizonte cos prismáticos, advírtese un barco que recorta a súa estructura contra o ceo. Non é pesqueiro, nin mercante, nin buque de guerra. A súa posición, inmóbil, indica que faena no veleno ou que vixila. Na radio din que a mancha grande está a cen quilómetros. Ninguén informa de a que distancia do corazón temos, cada un de nós, a mancha que nos manca.
Francisco X. Fernández Naval