A Academia Galega do Audiovisual organiza o vindeiro xoves en Vigo o 'Foro por unha 2ª canle da TVG'. Responsables das televisións autonómicas do estado español, os profesionais do audiovisual en Galiza, empresas do sector, organizacións e institucións culturais, e representantes dos partidos políticos con representación parlamentaria no noso país (PP, PsdeG-PSOE e BNG), debaterán sobre a posibilidade da creación dunha segunda canle na Televisión de Galiza, tal como xa existe nos medios públicos de Cataluña, Euscadi, País Valenciano e Andalucía. Para Manolo Gómez, presidente da Academia, "a aposta en marcha dunha 2ª canle de televisión autonómica, vai máis alá do sector audiovisual malia ser este o máis obxectivamente implicado, converténdose nunha cuestión social". O Foro terá lugar no Centro Social Caixanova de Vigo e comezará ás 10 da mañá. Lembramos que o grupo popular no Parlamento rexeitou unha proposta do BNG para a creación dunha 2ª canle na TVG no último debate dos orzamentos.
Os actos previstos para o desenvolvemento do Foro organizaranse arredor de dúas mesas redondas: a partir das 10 da mañá terá lugar unha que baixo o título de "2ª canle: un proxecto" conta coa participación de Juanjo Guerenabarrena, Director de Programas e Programación La Otra Tele Madrid; Jordi Serra, Director de Producción de Televisión de Catalunya; Pello Sarasola, Director de Programas ETB; Joaquín Durán, Director de Antena de Radio de Televisión de Andalucía; Cristina Álvarez, Directora de Canal 2 Andalucía; Alfred Costa, Director de Programación do Canal Nou e Carlos Carballo, Director de Programación da TVG. Esta mesa estará moderada por Miguel Anxo Fernández, Vicepresidente da Academia Galega do Audiovisual. Despois dun xantar de traballo e a partir das 4 da tarde haberá outra mesa redonda coa participación de Valentín Carrera, Representante CLUSTER; Zaza Ceballos, Presidenta AGAPI (Asociación Galega de Productoras Independientes); Antón Reixa, Representante AEGA (Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual); Carlos Amil, Presidente CREA (Directores e Realizadores Asociados de Galicia); X. Henrique Rivadulla Corcón, Presidente AGAG (Asociación Galega de Guionistas); Candido Pazó, Presidente AADTEG (Aso. de Actores, Directores e Técnicos de Escena de Galicia); Antón Louro, Deputado Autonómico PsdeG-PSOE; Eduardo Gutierrez, Deputado Autonómico BNG; un representante do Partido Popular; Carlos López, Vicepresidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega; Xosé López, Membro do Consello da Cultura Galega e un representante da Fundación CaixaNova. Esta mesa ten por título "2ª canle, unha demanda" e estará moderada por Manolo Gómez, presidente da Academia Galega do Audiovisual.