Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A UE CREA UN REXISTRO DE EMISIÓN DE SUBSTANCIAS

As industrias galegas á cabeza da contaminación no Estado

Dende esta semana está dispoñible en internet o Rexistro Europeo de Emisións de Substancias Contaminantes (EPER), co fin de que cidadáns, empresas e administracións saiban algo máis sobre os niveis de contaminación aos que estamos sometidos. Á cabeza deste desalentador ránquin figuran varias empresas galegas, entre as que destacan a central térmica das Pontes e a factoría de Alúmina en San Cibrao.

- 09:50 26/02/2004
Tags:

Os informes facilitados polo EPER están estructurados segundo as substancias tóxicas emitidas polas diferentes factorías. En total, 44 listaxes diferentes nas que se contabiliza a cantidade en quilos de contaminantes emitidos anualmente ao aire e a auga, xa sexa directa ou indirectamente.

A central térmica que Endesa posúe nas Pontes figura á cabeza de varios destes apartados, sendo a que libera máis dióxido de carbono, PM10, óxidos de nitróxeno e óxidos de xofre en toda España. Con respecto a este último elemento, a nosa comunidade é a que máis contamina de todo o Estado ao emitir o 39,83% dos óxidos de xofre que se liberan ao ano.

Entre as empresas máis contaminantes de Galiza figuran ademais as centrais térmicas de Meirama e Sabón, a factoría de Alúmina en San Cibrao, a da Citroën de Vigo, a central de Ence en Pontevedra, Repsol YPF da Coruña ou Alcoa na Coruña. Todas elas están incluídas en varios apartados.

A listaxe elaborada polo EPER evidencia que non só as grandes empresas están a danar o medio. Neste rexistro tamén hai un oco para factorías máis pequenas como Aluminios Padrón, que libera case o mesmo cromo á auga cá mesmísima Citroën, ou Megasa, en Narón, que emite 651 quilos de cobre ao ano.
Detrás dela, nesta categoría, figuran Meirama con 197 e Alúmina con 73.

Un dos obxectivos do informe EPER pasa por concenciar os cidadáns do que está a ocorrer no seu contorno. Malia que a actividade destas factorías pode quedarlles a algúns moi lonxe, tamén figuran na listaxe empresas máis próximas á nosa vida cotiá. Así, no apartado correspondente ás emisións de fósforo e entre un total de 51 empresas, a fábrica que Hijos de Rivera posúe na Coruña ocupa o número 10. Isto débese a que verte á auga, indirectamente, 14.600 quilos desta substancia ao ano. Se cadra, algún o pensa mellor a próxima vez que pida unha cervexa.


Ligazóns

0/5 (0 votos)