Que lles parecería encher botellas de plástico con auga da billa a menos de medio céntimo por litro e ir vendelas ao supermercado por 1,4 euros? Negocio redondo. A prensa inglesa vén de descubrir que isto mesmo era o que facía a Coca Cola naquel país coa súa marca ‘Dasani’.
"De onde veña a auga é irrelevante", declarou para o diario inglés The Guardian o xefe da marca no Reino Unido, "e nunca dixemos que a auga da billa non fose bebible. O que pasa é que pode haber diferentes niveis de pureza, e a Dasani e a máis pura posíbel".
Así xustifican os responsables da Coca Cola a súa estratexia para entrar no mercado das augas e botella, aclarando ademais que non vendían a auga tal e como saía da billa, senón que a facían pasar por un proceso de filtrado e engadían logo varios minerais: "é un sistema que inventou a Nasa para as súas naves espaciais", asegura a multinacional, que gastou xa dez millóns de euros en facer publicidade do seu producto.