Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FALECE AOS 46 ANOS A POETA CORUÑESA

Luísa Villalta, a relación entre a música e a poesía

O falecemento de Luísa Villalta golpea no grupo de poetas que se artellou na Coruña ao longo da década dos noventa. Villalta representou, para o crítico Arturo Casas, "unha importantísima liña de indagación poética, non especialmente recoñecida". O conxunto da súa obra foi unha reflexión ao redor da poesía e da música.

- 13:20 07/03/2004
Tags:

Para o crítico de poesía e profesor de teoría literaria na Universidade de Santiago, Arturo Casas, Luísa Villalta representa unha desas "liñas de indagación poética non especialmente recoñecidas no país", a que explora a relación que existe entre poesía e música.

É un camiño que comeza con Música reservada (1991). "Polos seus coñecementos musicais, Villalta estaba moi dotada para o ritmo. Ademais, era moi consciente de que o ritmo non é unha cuestión puramente ornamental. Nel latexa unha forma de coñecemento distinta, non racional", opina Casas.

Da mesma opinión é a crítica teatral Iolanda Ogando, para quen Villalta foi unha das pezas chaves da renovación da dramaturxia galega nos anos oitenta, dende os Cadernos da Escola Dramática. Débese destacar nela a importancia do "elemento musical", un "estilo formalista" e "o cultismo textual que procuraba a dignificación do xénero e da lingua".

Sen embargo, a poesía de Luísa Villalta "era fundamentalmente racional", engade Casas. Quizais por iso a poeta se implicou vivamente en procesos de debate coma o Foro da Cutura Galega (2001) ou o Foro Negro (2002). Villalta tiña "unha gran capacidade para promover o debate e facernos pensar a todos", engade Casas: "empregaba a poesía pensar o mundo contemporáneo".

Nos últimos anos apenas publicara poesía en Galiza. Escribira, iso si, en Portugal, conxuntamente con Alberto Augusto Muranda, así como noutras publicacións colectivas lusas. En xaneiro deste ano, Luísa Villalta regresaba á poesía galega con 'En concreto, aínda inédito. Para Arturo Casas, que coñece parcialmente o texto gañador, esta última obra é "unha invitación a pensar a cidade na posmodernidade. Especialmente a cidade da Coruña e cal é o seu papel no país".


5/5 (1 votos)