Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DÍA MUNDIAL DA AUGA

A predición meteorolóxica, a mellor arma contra os desastres naturais

Hoxe 22 de marzo é o Día Mundial da Auga, xornada que nesta ocasión está dedicada á "auga e os desastres". As Nacións Unidas lembran que os desastres naturais causaron miles de vítimas nas últimas décadas, ademais de representar un obstáculo para o desenvolvemento sostíbel e a redución da pobreza. Os perigos causados polas condicións extremas do tempo non poden evitarse, pero si mitigarse con axeitadas medidas de preparación, "baseadas en información sólida". Así as cousas, a Organización Meteorolóxica Mundial fai fincapé na necesidade de aumentar a precisión dos servicios de predición e alerta para contar con maior tempo de previsión e dispoñer de información útil para a avaliación dos riscos e para o deseño e aplicación de medidas de mitigación.

- 17:17 22/03/2004
Tags:

Un dos actos celebrados co gallo do Día Mundial da Auga estivo protagonizado pola "caravana solidaria", que chegou hoxe a Compostela logo de peregrinar dende o Cebreiro co obxecto de concienciar á poboación cos problemas que provoca a falta de auga no Terceiro Mundo e as malas condicións de salubridade nos países subdesenvolvidos.

Ao remate da peregrinaxe, promovida pola ONG "Acción contra el Hambre" e realizada por vinte escritores e artistas, o grupo formou unha cadea humana con caldeiros de auga na praza do Obradoiro.

O director da ONG organizadora, Olivier Longué, sinalou a importancia da concienciación con este problema porque "a metade da poboación mundial non ten acceso ao saneamento, e un cuarto non ten auga limpa". Longué denunciou que o 80 por cento das enfermidades que matan aos nenos do Terceiro Mundo están vinculadas á inexistencia ou ás malas condicións de salubridade da auga, e que "en moitos sitios, ter auga limpa é máis eficaz que un hospital".

Sobre este tema, a ONG Manos Unidas tamén denunciou que no ano 2002, 1,7 millóns de persoas morreron por falta de acceso á auga para o consumo e servicios de saneamento e hixiene. O 90 por cento dos mortos eran nenos. A ONG sinalou que a maior parte destas persoas vivían en Asia e África, onde os problemas de abastecemento de auga son causa de enfermidades coma o cólera, a diarrea ou os parásitos intestinais.


0/5 (0 votos)