Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O BNG ESPERARÁ A MAÑÁ PARA DECIDIR O SEU VOTO

BNG: "Ambivalente e falto de concreción con respecto a Galiza"

O deputado do BNG, Francisco Rodríguez, cualificou o discurso de investidura de Zapatero de "ambivalente e falto de concreción con respecto a Galiza". Rodríguez manifestou tamén que o BNG esperará ao debate de mañá para decidir o sentido do voto na sesión de investidura. " Queremos maior concreción por parte de Zapatero ás nosas propostas para Galiza baseadas na modernización das infraestruturas ferroviarias, a liberación de peaxes das nosas autovías, a limpeza dos fundos mariños prexudicados pola catástrofe do Prestige e a adopción de medidas para afrontar as consecuencias desta catástrofe", sinalou o Portavoz do BNG no Congreso.

- 16:34 15/04/2004
Tags:

Francisco Rodríguez sinalou que "un aspecto positivo é a referencia ao respecto ao pluralismo político, ao diálogo que esperamos se manteña durante toda a lexislatura e á nova cultura política baseada no respeito ao discrepante e o aumento da protección aos dereitos e liberdades civís".

No relativo ás alusións realizadas por Zapatero á reforma constitucional e ás reformas estatutarias, Rodríguez afirmou que "cando menos abre o diálogo aínda que de xeito moi limitado. Desde logo non é como nós desexamos pero con todo é o inicio do debate. O BNG vai facer todo o posíbel para traducir esa vía de diálogo en máis autogoberno para Galiza. Así o imos utilizar para que non teña as limitacións ás que fixo referencia Zapatero".

Francisco Rodríguez subliñou que no discurso de Zapatero "houbo tamén aspectos sombrizos como os centrados na política económica. Resultan moi nefastas as súas intencións de continuar coa política económica do PP baseada no neoliberalismo".

"E desde logo resulta moi preocupante a súa ambigüidade e a súa falta de contundencia con respecto da retirada das tropas do Iraque. Nós imos pedirlle que clarifique a súa postura", indicou o deputado nacionalista.

Francisco Rodríguez intervirá ás 10 da mañá do día 16 no Congreso dos Deputados.


0/5 (0 votos)