Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MOSTRA SOBRE "O CARRO E O HOME"

Xaquín Lorenzo e o cinema, no Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego inaugura o martes, 27 de abril, unha exposición titulada "O carro e o home. O cine de Antonio Román e Xaquín Lorenzo", coa que se dá comezo aos actos conmemorativos dos Días das Letras Galegas dedicado este ano á figura do etnógrafo ourensán. A mostra presenta fotografías de ton vangardista ou experimental de Xaquín Lorenzo, José Suárez, Augusto Pacheco e Carlos Velo. Pero o núcleo principal da mostra é a proxección das dúas versións do documental O carro e o home, realizado en 1940 por Antonio Román coa colaboración esencial de Xoaquín Lorenzo. Exhíbese tamén a parte recuperada do documental Galicia, rodado por Carlos Velo en 1936.

- 10:02 26/04/2004
Tags:

Esta mostra é unha homenaxe a Xoaquín Lorenzo dende o sector da imaxe pola súa poderosa aportación ós xéneros fotográfico e cinematográfico, ao enriquecer e poñer en valor os discursos plásticos da imaxe cos contidos propios de Galiza

Un libro catálogo, paralelo e complementario á mostra, analiza e documenta o contexto histórico e artístico a través de textos de Pepe Coira, Miguel Anxo Fernández, Xosé Enrique Acuña e Eloi Lozano. As fotografías proveñen de fondos particulares e das coleccións propias do Museo do Pobo Galego e do Centro Galego de Artes da Imaxe.

A mostra lévase á termo coa colaboración de entidades como a Filmoteca Española, de particulares como Eloi Lozano e de coleccións familiares como a da Familia Pacheco e a da Familia Román. Producida polo Centro Galego de Artes da Imaxe e o Museo do Pobo Galego, a exposición está comisariada por Xosé Enrique Acuña e Miguel Anxo Fernández.

O documental O carro e o home forma parte da cinematografía fundacional galega. O director Antonio Román (Ourense, 1911-Madrid, 1989) filmouno nas terras ourensás de Lobeira en 1940 coa axuda inestimable e experta do etnógrafo Xoaquín Lorenzo (Ourense, 1907-1989) e coa colaboración de Carlos Serrano de Osma. A película é un relato lineal da vida do carro, unha "biografía do carro", formalmente emparentada coas vangardas anteriores á Guerra Civil, tan cercanas e presentes no ano da rodaxe.

No Ourense dos anos vinte, unía a Román e Lorenzo unha confesada paixón polo cine, compartida con Augusto Pacheco e Carlos Velo. Na década dos trinta, en plena II República, Xoaquín Lorenzo asentaba as bases da etnografía galega, mentres que Velo e Román pasaban a converterse en pioneiros destacados dun cine documental con nesgos de vangarda.

A sociedade galega daquel tempo mostrábase receptiva ante a mensaxe das vangardas europeas e desde o cine e a fotografía este grupo, xunto ao tamén ourensán José Suárez, ensaiaban linguaxes rupturistas. A obra cinematográfica de Román, Suárez e Velo circulaba nunha liña innovadora que igualmente acadou referendo nos ensaios fotográficos que nalgún tempo cultivaron o propio Lorenzo, e máis tamén, Velo e Pacheco.

El hombre y el carro de Antonio Román é, xunto aos filmes Galicia (1936) de Carlos Velo e Mariñeiros (1936) de José Suárez, un exemplo dos vieiros que podería ter tomado a cinematografía galega, camiño frustrado en gran medida pola Guerra Civil. Finalizada a rodaxe, a película quedaría sen sonorizar. Xoaquín Lorenzo gardaría en Ourense unha copia e Serrano sonorizaría outra pola súa conta en 1945. Non semella haber rastro de ningunha presentación pública e esta versión en castelán deuse por desaparecida durante décadas ata a súa recente localización pola Filmoteca Española.

En 1980, a partir do copión custodiado no Museo Arqueolóxico de Ourense, Eloi Lozano, coa colaboración do Museo do Pobo Galego, engadiu créditos en galego e sonorizouna, con texto e locución de Xoaquín Lorenzo, co título de O carro e o home, a versión máis coñecida deste documental. Esta estraña peripecia non lle acae mal á película sobre o carro que Xocas propuxera e que Román dirixiu. Á fin, era unha película pequena, feita entre amigos á marxe de tantas cousas, onde Antonio Román sabía de cine e Xoaquín Lorenzo sabía de carros.


0/5 (0 votos)