Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ENTREVISTA CON RAMÓN CHAO

"Europa debe ser un contrapeso á globalización liberal liderada por EEUU"

"O BNG, que é o máis progresista dos partidos de Galeusca, terá que tomar decisións distintas no parlamento europeo das que tomen as outras formacións políticas da coalición". Así o manifestou o xornalista Ramón Chao que por primeira vez na súa vida aceptou formar parte dunha lista electoral, neste caso a que presenta o BNG ás eleccións europeas. Chao, un dos teóricos e activistas máis infuintes, xunto con Ignacio Ramonet, na construcción dunha alternativa á globalización neoliberal, aposta nesta entrevista para Vieiros, por unha Europa dos cidadáns e dos Pobos que se impoña "aos burócratas e aos estados".

- 08:31 09/06/2004
Tags:

Por que decidiu formar parte da lista do BNG para as eleccións europeas?
Porque mo pediron os amigos do BNG. Eu son amigo de xente do Bloque, sobre todo de Beiras, desde hai case 40 anos... e doutras persoas, como Camilo Nogueira, aínda que desde hai menos tempo. Decidinme agora, pero xa estaba perto deles desde hai anos. Xa participara en 1971 nunha xuntanza en México con Celso Emilio Ferreiro, Carlos Velo, Luís Soto, Xosé Luís Méndez Ferrín e outros, onde se reestructurou a base da UPG. Por iso, sen estar no partido, de feito, nunca estiven en ningún, xa estaba metido nese ambiente, con eses amigos e con esas ideas. A verdade é que antes nunca me chamaran para nada. Por que? Non o sei moi ben. Eu creo que conmigo houbo sempre unha especie de desconfianza porque son de Vilalba, son coñecido de Fraga, non digo amigo, porque amizade non hai, pero el axudoume moito na miña carreira de pianista.... e iso sábeo a xente, sabíanno en París cando eu traballaba alí e era compañeiro do grupo do PCE no exilio. Pero nunca se lles ocorreu facerme unha proposta para entrar no partido, nin de ir ás reunións das células, nin nada. No caso da UPG, eu estaba en contacto con Luís Foz, co que tiña un trato cotián, e axudaba no que podía. As relacións, neste sentido, sempre foron moi cordiais, tanto ideoloxica como persoalmente. Agora pedíronmo e para min é unha honra estar nesa lista e que recoñezan que son unha persoa de esquerdas e progresista.

Cre que a UE pode servir para orientar a globalización neoliberal noutro sentido?
Europa pode e debe ser un contrapeso á globalización neoliberal liderada polos Estados Unidos. Pero tal e como están as cousas agora, cunha socialdemocracia cada vez máis neoliberal, Europa leva o mesmo camiño ca os EEUU. De feito, Europa choca con EEUU porque son dous "amigos" que queren o mesmo botín. Por iso hai que axudar a Europa. O que non quere dicir que a construcción europea leve a dirección máis desexábel.

Cal é o papel do parlamento europeo neste contexto?
O parlamento europeo é unha instancia desde onde se pode conseguir cambiar esta tendencia. Pero paréceme moi difícil que tal e como está organizado o europarlamento que haxa unha maioría de esquerdas, ou socialdemocrata, e aínda así, desconfío que se poidan facer mudanzas de fondo. O caso de Francia é singular, pero significativo. O goberno francés non apoiou a invasión de Iraq porque estaba Chirac de presidente. Se chega a estar Jospin, iamos á guerra. É un paradoxo de que o neogaulismo sexa menos atlantista que os chamados socialdemócratas. Pero, claro, Chirac faino por unha serie de intereses, non por filantropía nin por unha concepción solidaria das relacións internacionais.

Como valora a figura de Camilo Nogueira e o seu traballo no europarlamento na pasada lexislatura?
A pesar de que non puiden seguir polo miúdo o seu traballo no parlamento, considéroo unha persoa moi ben formada, moi honesta e intelixente. Por tanto, ten todas as condicións para seguir a facelo ben no europarlamento.

Que se pode facer desde o parlamento europeo para que Europa sexa cada vez máis dos cidadáns e dos Pobos e menos dos burócratas e dos estados?
O BNG, que é o máis progresista dos partidos de Galeusca, terá que tomar decisións distintas no parlamento europeo das que tomen as outras formacións políticas da coalición. Sobre todo na defensa dunha Europa social, dunha Europa que favoreza aos máis pobres. Aínda que sexa cun só deputado.

Despois do Abecedario da Globalización, que escribiu con Ignacio Ramonet... en que outros proxectos anda a traballar agora?
O director de Le Monde Diplomatique, Ignacio Ramonet, o debuxante Jacek Wozniak e máis eu estamos rematando unha antoloxía "exasperante e incompleta" do expansionismo norteamericano. Facemos un percorrido cronolóxico por todas intervencións norteamericanas, desde que os colonos ingleses aniquilaron aos pobos indíxenas, despois México, Cuba, Porto Rico... ata Ruanda, Afganistán e Iraq. Esperamos telo rematado completamente en agosto.

En que fase está a edición en galego de Le Monde Diplomatique?
Ramonet dime que faga eu o que queira. O que necesito é xente que poida colaborar conmigo, porque eu non teño tempo. Primeiro, crear un comité de persoas que se encargue de seleccionar os artigos que se publicarían e de pedir aquí colaboracións e artigos. Tamén precisamos persoas que se encarguen de traducir os textos, pero isto xa está falado con xente da Facultade de traducción e interpretación de Vigo. Podemos comezar cunha páxina en Internet e despois tirar unha edición en papel.


0/5 (0 votos)