"O BNG está en condicións de pelexar por todo" nas eleccións autonómicas do 2005, asegurou o portavoz nacional da formación nacionalista, Anxo Quintana, porque "aínda falta ano e medio" e iso, en política, "é toda unha vida por diante". Quintana insistiu na importancia de contar tamén na próxima lexislatura cun representante no europarlamento e indicou que as europeas "deixan unha grella de saída de tres forzas -PP, PSOE e BNG- e "un xogo político non de dous, senón de tres". O portavoz nacional do BNG volveu pedir "un pacto nacional" para reclamar ao Estado o pago da débeda histórica con Galiza, que o Bloque cifra en 20.000 millóns de euros.
Anxo Quintana evitou realizar comparacións coas anteriores eleccións de 1999, por ter coincidido coas municipais, e cre máis lóxico contrastar os resultados coas xerais do 14-M. Neste sentido, afirmou que o BNG "mellor porcentualmente".
Quintana fixo fincapé tamén no feito de que a "aposta estratéxica" por Galeusca convertise á coalición na terceira forza no estado. Tamén asegurou que o escano obtido polo BNG non vai depender do escrutinio do voto emigrante, que se coñecerá o vindeiro mércores, xa que a marxe coa que conta "é suficiente".
O portavoz do BNG, pediu que tras os comicios europeos, as tres forzas políticas do parlamento galego traballen para acadar un "gran pacto nacional" para reclamar ao Estado o pago da débeda histórica con Galiza, que o Bloque cifra en 20.000 millóns de euros.
"É fundamental que as forzas políticas galegas decidamos reclamar o pago da débeda histórica que ten o Estado con Galiza, sen titubeos e sen reparos. Esta reclamación debe quedar á marxe da forza política que goberne no Estado", explicou Quintana na rolda de prensa.