Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NACIDO NUN BARCO PARA A HABANA, ESTÁ ENTERRADO EN MONTERROSO

O poeta do exilio Lourenzo Varela, elixido Letras 2005 

Na mañá do sábado a Real Academia escolleu o literato que será homenaxeado co Día das Letras 2005. O nome, xa agardado, foi o do poeta de Monterroso Lourenzo Varela, exiliado político en Europa e América durante case 40 anos. Este mesmo ano faise o 25 cabodano da morte doutros tres exiliados chave na nosa literatura: Blanco Amor, Seoane e Celso Emilio. Ademais, a Real Academia elixiu como académico correspondente o profesor ourensán Marcos Valcárcel.

- 19:40 19/06/2004
Tags:

A sesión plenaria da Real Academia dará comezo ás 11:00 da mañá, así que ao mediodía xa se coñecerá a designación definitiva. Lourenzo Varela naceu en 1916 a bordo dun barco que estaba entrando na Habana e continuou a súa infancia na emigración arxentina. De feito, cando regresou a Galiza nos anos vinte foi alcumado 'O arxentino' polo seu acento porteño.

En 1932 toma contacto co galeguismo republicano en Lugo, e en 1933 participa na fundación das Mocidades Galeguistas cun perfil esquerdista que o achega ao trosquismo do POUM. En 1935 marcha estudar a Madrid, onde se instala no seo dos círculos galeguistas da capital, canda Maside, Laxeiro ou Suárez Picallo. A guerra cólleo en Madrid e lévao a Alianza de Intelectuais Antifascistas, con Dieste, Bergamín ou Alberti, da que é un dos seus membros máis destacados.

Alistado como voluntario na fronte do galego Líster, coa derrota cruza en 1939 os Pirineos para caer no campo de concentración de Saint-Cyprien, onde permanecerá uns catro meses ata que poida marchar para México. No DF será amigo de Octavio Paz, León Felipe e José Bergamín. No 41 marcha para Arxentina, onde aínda lle vivía a familia, e toma contacto co exilio bonaerense de Seoane, Cuadrado, Dieste, Blanco Amor ou Castelao.

Afíliase ao Partido Comunista Arxentino, e desenvolve unha intensa actividade intelectual, política e profesional como xornalista, incluso nos severos tempos de Isabel Perón e os asasinatos ultradereitistas da Triple A. Pero o golpe de estado de Videla no 76, unido á chegada da democracia a España, fano regresar apresuradamente a Madrid a través de Brasil. Chega sen amigos, sen diñeiro, e refúxiase na Galería Sargadelos de Madrid, onde traballa como pode no xornalismo e na tradución. En novembro de 1978 desmaia na rúa e falece en Madrid. Sotérrano no camposanto familiar de Monterroso.

Literariamente, Lourenzo Varela adscríbese á xeración de 1936, se ben a súa obra poética é exigua e tivo pouca difusión en Galiza ao editarse integramente na emigración. Recolle marcadas influencias da xeración do 25 e máis da xeración do 27 española e harmoniza a preocupación pola creación literaria e pola arte e unha indiscutible postura de solidariedade cos oprimidos na liña da poesía de denuncia.

A súa obra galega iníciase con Catro poemas pra catro grabados (para o álbum
María Pita) e Tres retratos medievales de Luís Seoane, (1944), reeditada como Catro poemas galegos. Máis tarde publicou Lonxe, (1954). A súa obra verase reeditada postumamente: Poesías (1979) e Poesía galega (1990), que agrupa os libros anteriores e diversas colaboracións poéticas en revistas e homenaxes.


Ligazóns

5/5 (1 votos)