Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INFORME DE GREENPEACE

Os puntos negros do litoral galego

Galiza forma, xunto con Murcia, Valencia, Canarias e Baleares, o grupo de comunidades que veñen amosando a maior falta de respecto coas súas costas. O informe 2004 do colectivo ecoloxista Greenpeace fai repaso da degradación costeira durante os últimos doce meses e apunta os factores implicados e os culpábeis da situación. O grupo pide cambios na xestión das costas, a inclusión dos custos ambientais das obras e a elaboración dun Plan do Litoral que corrixa a situación.

- 12:12 15/07/2004
Tags:

A Praia de Silgar en Sanxenxo, condenada á desaparición pola presión urbanística e o porto deportivo; o porto exterior da Coruña en Punta Lagosteira; o proxecto do superporto Ártabro na ría de Ares e o plan para a construción dun campo de golf e vivendas e a construción dunha depuradora dentro dun espazo protexido na costa ferrolá, son os catro casos destacados en Galiza entre o medio cento de puntos negros que Greenpeace denuncia directamente no seu informe 2004 sobre a destrución costeira no Estado español.

Os ecoloxistas láianse de que a situación non mudou moito respecto á de anos anteriores e denuncian que ningunha comunidade ten a súa costa en bo estado. Malia todo, sinalan que si hai diferencia na actitude dos gobernos rexionais. Así, gaban que nalgúns casos se detecta que algúns comezan a ser conscientes dos problemas do litoral e tentan desenvolver plans de protección ou loitar contra os excesos contaminantes. Nese aspecto positivo destacan a Cataluña, Euscadi e Asturias.

Da outra beira, entre os máis irrespetuosos están as illas de Canarias e Baleares, xunto con Murcia, Valencia e Galiza. Greenpeace advirte das décadas de desenvolvemento turístico mal planificado, as saturacións urbanísticas, contaminación, destrución de espacios naturais, erosión costeira e modificacións nos plans xerais de ordenación urbana no afán especulador facilitado por moitos concellos.

A tendencia a sobredimensionar os portos, é un asunto especialmente subliñado pola asociación, que critica que se usen cartos da UE en portos comerciais e deportivos dos que a necesidade é dubidosa, aparte dos problemas ambientais que crean. Neste punto, denuncian algúns dos peores casos, entre os que aparece o porto exterior da Coruña, proxecto do que piden directamente a retirada.

Recomendacións
Velaquí as propostas que achegan os ecoloxistas para corrixir a situación:
-un cambio na xestión da costa, impulsado polos ministerios de Economía e Medio Ambiente, que abandone as políticas especulativas a curto prazo e dea paso a un modelo de desenvolvemento que asegure a integridade do territorio e o benestar das poboacións.

-un cambio radical na política seguida durante os últimos anos polo ministerio de Medio Ambiente, "que ata agora gastou a maior parte do orzamento en farolas e mobiliario urbano esquecendo combater a erosión e conservar a costa".

-a inclusión dos custos ambientais nas obras realizadas no litoral. Greenpeace denuncia que ata agora o ministerio asumiu a factura dos danos dos portos mal ubicados, obras mal deseñadas e construccións ilegais, creando unha sensación de impunidade.

-o desenvolvemento dun plan director do litoral que estableza obxectivos a curto, medio e longo prazo e coordine actuacións.


Ligazóns

5/5 (1 votos)