Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICAS DESDE A INDIA

Welcome to Tiruchy, 2

Despois da primeira entrega da súa crónica da India, a nosa colaboradora María Reimóndez prosegue o relato da súa experiencia como cooperante en Tiruchy. Só unha mostra: "A maior parte do tempo estou na rúa. De casa en casa co caderno na man e mirándolles aos ollos a esas persoas que queremos crer que non existen. Pero están aí. Teño po no pelo para demostralo".

- 08:49 23/07/2004
Tags:

De "antecedentes"
O noso proxecto ten agora unha oficina propia, que parece cousa de Virginia Woolf. A primeira vez que vin a Tiruchy non había nin oficina. Só Ambal e mais eu polos suburbios adiante o día enteiro. De casa en casa, Ambal e mais eu sabemos de qué trata este asunto.

Agora a ONG de Ambal ten dúas oficinas, a central e a do noso proxecto. Hoxe piseina por primeira vez, para poñerme en antecedentes.

Revisei tódolos informes, contas, rexistros, arquivos... na compaña da traballadora social, a traballadora sanitaria e a contable. Sentei con elas comer e tomar un café. As miradas eran intensas, fixéronme como puideron un terceiro grao aos que xa estou afeita. Con seguridade agardaban unha loira en pantalóns curtos. E vou eu e escarállolles a festa coa miña comida no "tiffin carrier" (a típica lata de metal de calquera india traballadora), o arroz a man e con chiles, o sari... e sobre todo co feito de saber media vida dos nomes que aparecen nos informes, porque teño moita gana de ver de novo a Kasturi, e a Rani, e a moita máis xente, tanta... Xa con gana de saír ao suburbio ao reencontro, a ver cómo vai a vida, qué hai de novo. Porque todo isto ao final trata de seres humanos que teñen problemas, gordos por certo. E como calquera que ten un problema necesita falar e que se escoite a súa voz. Logo, claro, hai que coller o arado e remover a terra, a miña, a que permite que isto sigo así. Demasiada xente cos oídos tapados, é máis cómodo así.

Traballadoras de base
A base é o principio e o fundamento. Os alicerces. Elas son o principio, o fundamento, os alicerces. As traballadoras de base. Hoxe temos reunión para planificar as visitas, para vernos as caras e os dentes no sorriso. Traballadoras de base. E non di moito. No documento do proxecto pódese ler que son encargadas das actividades regulares como as clases, o seguimento das persoas enfermas ou con discapacidade, as que motivan á comunidade. Pero todas elas son comunidade. Todas viven nos suburbios. A Fatima o home deixouna porque ten asma. Samsat Begum traballa polas mañás limpando o obradoiro dun ferralleiro. Teñen fillas e fillos que deixan no centro de atención de día dun dos suburbios. Tamiliamma convídame comer á súa casa. É unha choupana, descúlpase. Algunhas comezaron nos grupos de aforro na primeira fase do proxecto. Algunhas lémbranse de min polo seu suburbio adiante. Son mulleres traballadoras. A base do proxecto. A base de moito máis que mero traballo.

Prendido no corazón, un imperdible
Despois de entrevistar a máis de trinta persoas e un grupo de mulleres, desde ex nenas traballadoras a persoas con discapacidade pasando por prostitutas facíaseme complicado escoller algo que prender da memoria nestas liñas porque todo queda en min e non son capaz de desentrañalo de min mesma. Ás sete decidín ir á oficina no canto de ir á casa para revisar os correos un intre. E entón a escolla fíxose soa.
Porque hoxe recibín un correo de Teresa, a quen non coñezo. Pero ela a min si. Porque ese é o grande milagre da literatura. Que hai xente que te detesta e con algo de sorte outra que te quere sen ti sabelo. Que o que contas chega a outras persoas e contribúe en algo ás súas vidas. Iso é tan marabilloso que poucas veces caemos na conta, tamén porque só en contadas ocasións chegamos a saber qué pasa alén da letra. O maior invento da humanidade. Parte da humanidade mesma.

Hai algún tempo escribín un artigo titulado "Cun Imperdible", que falaba co símbolo do imperdible que as mulleres indias levan sempre nalgures entre outras cousas para defenderse do acoso sexual nos buses, das orixes da violencia de xénero, da violencia estructural e profunda. Hoxe souben que hai un grupo de persoas que foron comer o outro día xuntas e que todas levaron un imperdible. Sei que esta é unha indulxencia persoal pero, pedíndolles permiso de xeonllos á miña comunidade de Kajapettai, creo que este é o momento do día. Porque estou aquí e eu tamén levo dous imperdibles no sari, a semana que vén tócame viaxe, e no corazón ademais do medo, o mesmo ánimo de poñerlle fin, custe o que custe, a tanta barbarie. Máis imperdibles! Aquí somos xa cincocentos mil millóns as que o levamos.

Po no pelo
Po no pelo é para min símbolo de día traballado. Chegar á casa, lavar a cara, as mans e os pés. A min pregúntanme ás veces que qué fago na India niso dos proxectos. Se dou clases, bendigo pozos ou que puñetas fago despois de todo. Cústame traballo explicalo malia os anos de experiencia. Porque para saber que fago eu cómpre saber que é un proxecto. Non é tan difícil, pero hai que ter un mínimo interese en informarse. A modo de prospecto:
Un proxecto para nós é un traballo coa comunidade, unha intervención global de transformación social na que hai actividades como clases de apoio e seguimento de persoas enfermas pero tamén sensibilización sobre a discriminación de casta e xénero, creación de grupos de mulleres democráticos que dirixen a comunidade e xestionan aforro e crédito (isto xa sei que é complicado, ás mulleres do suburbio cústalles un mes aproximado entender o funcionamento) e cuestións concretas como a intermediación para que o goberno constrúa unha escola ou poña luz nun suburbio. Que cumpra coas súas obrigas, a fin de contas. O proxecto planifícase coa comunidade gracias á organización local, que é a encargada de todo, en realidade. De aí sae un presuposto ao que nós lle buscamos financiamento de volta en Galicia.

E eu o que fago é avaliar cómo van as cousas, planificar coa comunidade qué cómpre facer, qué precisan, cómo queren facer as cousas. Na oficina falamos de mil cousas, compartimos opinións e inquedanzas, tomamos té, café e eu auga de coco. Pero a maior parte do tempo estou na rúa. De casa en casa co caderno na man e mirándolles aos ollos a esas persoas que queremos crer que non existen.

Pero están aí. Teño po no pelo para demostralo.


0/5 (0 votos)