Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LUME NUNCA MÁIS

Xabier Vázquez Pumariño: "cantos máis cartos se gasten na extinción significará que o fracaso é maior"

"As políticas non poden estar deseñadas pola inercia e polas celulosas de Pontevedra e Navia", advirte Xabier Vázquez, da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ao tempo que insiste na necesidade de "promover paisaxes diversificadas nos seus usos" e apostar por "especies autóctonas" a prol da biodiversidade e de ecosistemas onde o lume sexa máis improbábel. Á beira, lembra que o bosque autóctono "tamén ofrecería un maior rendemento económico".

- 14:31 10/08/2004
Tags:

"Debe ser prioritario promover políticas de integración do territorio que freen a especulación, que freen a expansión de especies exóticas e aposten polas autóctonas", dinos Xabier Vázquez Pumariño, quen parte da idea de que o tema dos incendios "non é un problema en si mesmo senón consecuencia doutros" e en nome do colectivo Adega rexeita "as visións simplistas promovidas sobre todo dende Consellería, Ministerio ou mesmo sindicatos".

Entre outros, Pumariño propón "diversificar os usos do medio, impedir a recualificación de terreos por un período de anos, prohibir o comercio con madeira queimada, priorizar o uso gandeiro de grandes extensións, impedir a caza en terreos queimados e no seu contorno..." e engade que todo iso debe ir combinado "con políticas de desenvolvemento do medio rural".

"É un problema complexo: cultural, histórico, ecolóxico, económico... e precisa dun enfoque variado", comenta ao tempo que lle pon orixe fundamental a parte das causas en "cambios brutais acontecidos nos montes no último século, sobre todo na época de Franco, onde a paisaxe vai mudar radicalmente e aparecerán os grandes cultivos forestais, materiais doadamente inflamábeis, árbores coma o eucalipto: piróficas, que precisan do lume para a súa expansion... unha paisaxe uniforme protagonizada por especies exóticas que fai perder a biodiversidade".

Advertindo que a chave "non só é saber quen prende o lume", porque "o lume mesmo está no ciclo dos ecosistemas", e sempre haberá incendios, opina que o obxectivo é que sexan pequenos e facilmente controlábeis. Para iso, chama a "promover paisaxes mosaico, diversificados en canto a usos". E achega un dato paradoxal: "apenas arden bosques, a maioría do que arde é monte baixo e cultivos forestais". Neste sentido, Adegga defende "diversificar e pensar que o bosque autóctono é máis difícil que arda e ademais ofrece un maior rendemento económico a longo prazo".

Recrimínanlle os ecoloxistas á Xunta a súa renuncia a escoitar os consellos, advertencias e propostas que dende moito tempo atrás lle veñen facendo dende os colectivos ambientais e lémbranlle á consellería de Medio Ambiente que "canto máis se invista no que son as tarefas de extinción, máis evidente aparece o fracaso. Coma non é normal que nunha cidade haxa dez mil bombeiros, o mesmo vale para o monte". Segundo Xabier Vázquez, "o éxito está en reducir os medios para a extinción. E iso conséguese cunha ordenación do territorio onde o forestal será unha compoñente máis".

"De feito, a UE é deficitaria en madeira de calidade", engade, "Francia ou Alemaña, os países que se están lucrando realmente co negocio da madeira fixeron dende hai anos a súa aposta neste sentido. Por iso necesitamos un cambio absoluto aquí".


Ligazóns

0/5 (0 votos)