Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LUME NUNCA MÁIS

Xosé Santos: "a consellería segue preferindo o uso de teorías exculpatorias, pero sen profundizar e sen abrirse a debater"

"Non se pode desviar a atención, seguir a especular ou mesmo tratar de criminalizar aos labregos. O gran culpábel é quen está gobernando", sostén Xosé Santos, axente forestal e voceiro de Medio Ambiente de CCOO en Galiza. "Investiuse ao chou", denuncia sobre as cifras presuntamente destinadas á loita contra os incendios, "Aplicáronse remedios sen saber cal era a enfermidade".

- 14:31 10/08/2004
Tags:

"Onde carallo se investiron eses cartos?" pregúntase Xosé Santos sobre "as xigantes cifras establecidas anualmente nos orzamentos. "a situación é agora a mesma que antes de todos eses millóns", critica. "Non se investigou a causalidade. Levamos anos pedindo un equilibrio entre a prevención e a extinción e anos hai que a administración fai oídos xordos. Invístese principalmente en extinción, fornecendo maquinaria, creando unha cultura do lume". Segundo as cifras manexadas por CCOO Galicia, a porcentaxe da extinción foi sempre esaxeradamente superior sobre a prevención e incluso en moitos apartados veu diminuindo nos últimos tempos en porcentaxes de ata o 50% o adicado a actividades vencelladas coa prevención.

"Romay fora quen introducira esa teoría das mafias organizadas. Segue insistindo agora dende as súas tribunas mediáticas. É un erro, non se pode simplificar. As causas dos lumes son moitas: mesmo dende vertedoiros municipais, liñas férreas mal coidadas, liñas eléctricas, o coidado do monte, que tampouco pasa pola limpeza de todo o monte que sería economicamente inviábel e medioambientalmente un disparate, os macrorepoboamentos de eucalipto...". Santos fai lista de todo un abano de aspectos concretos sobre os que incidir na prevención, lembrando que "os incendios apáganse ao longo de todo o ano", e asegura que boa porcentaxe de incendios desaparecerían por esas vías. E apunta unha reivindicación coma decisiva: "a creación dos consellos forestais"

Sobre o "modelo policial" no que a administración aposta nos últimos tempos, recoñece que "evidentemente debe haber unha vixiancia e non pode existir a impunidade que actualmente existe e hai que investigar quen acende lumes". Pero mesmo nese asunto puntualiza que a Xunta está apostando por "un modelo policial urbán, baseado en policía e Garda Civil" e advirte: "é un erro". "Estase esquecendo o labor dos axentes forestais, os mellores coñecedores, os que están a pé de monte e coñecen á xente. Trátase dun excelente recurso humano que está sendo desaproveitado". Segundo explica, outras comunidades, coma Cataluña, teñen actuado con éxito neste sentido, dotando aos axentes forestais de medios e competencias para averiguar "por que se lle prende lume aos montes", ademais de artellas formas de colaboración cos servizos policiais.

"Precisamos políticas de desenvolvemento que partan dende o local", pide, "estratexias que impliquen e se baseen no consenso e no diálogo social. Niso estamos todos de acordo e existe coincidencia total agás co PP e os seus satélites". Todos os programas establecidos, dende o cumio de Río ou as recomendacións da UE "falan de partir de consensos e sentarse cos axentes sociais implicados" que denuncia que a administración galega se sitúe "nunha política de pensamento único".


Ligazóns

0/5 (0 votos)