Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LUMES NUNCA MÁIS

Manuel Canitrot: "o monte está abandonado, máis aínda: dá problemas, e nesa situación as probabilidades de que arda soben moito"

"En cada sitio hai unha causa. Pero poderiamos dicir que arden os montes porque se crearon unhas condicións en torno ás cales hoxe o monte non serve para nada", cóntanos dende o sindicato CIG e vencellado ao movemento ecoloxista, Manuel G. Canitrot.

- 14:31 10/08/2004
Tags:

Insiste Manuel Canitrot en que as causas poden ser múltiples: "dende uns paisanos aos que o monte lles chegou a pé das leiras e facilitou que os xabaríns entrasen nos cultivos ata unha zona de canteira onde intereses para a explotación coinciden sospeitosamente con lumes..."

Canitrot critica o presunto problema de reutilización de terreos queimados para poñer viñedos: "circunstancialmente pode suceder, pero non é este o problema básico". Na súa opinión, o que está a acontecer en Ourense cos incendios é un reflexo das condicións socio – económicas da provincia. Somos a última provincia do Estado na maioría de indicadores que consideremos, unha provincia desfeita a todos os niveis"

Insistindo na variedade de causas dos lumes, pide que a administración debería "promover un equipo multidisciplinar para analizar e buscar solucións. Nós levamos de feito moito tempo pedindo a creación do consello forestal, ao xeito do que fan noutros países europeos, caso de Alemaña ou Francia. Artéllanse incluso en consellos comarcais e chegan a xestionar eles os medios de extinción. O que ten moita lóxica, xa que son eles quen mellor saben os medios que lles compre nunha zona ou outra"

Coma condicionante fundamental dos incendios pon "a non prevención" e lembra que "os incendios evítanse no inverno. Aí é cando hai que pensar en coidar o monte. Non dicimos que se vaia evitar que poida arder, pero as probabilidades de que iso suceda diminuirían moito".

Destaca ademais outro tema a priorizar: a necesidade de que todas as brigadas pertenzan á Xunta. Actualmente hai 38 contratadas pola administración autonómica e 311 subvencionadas aos concellos. "Isto dá lugar a moitos casos de clientelismo político. E de forma paralela está o problema da coordinación, con ata catro brigadas diferentes que poden coincidir traballando nunha mesma área: grupos de intervención rápida, protección civil, brigadas autonómicas e brigadas municipais. Convértese nun caos. A descoordinación é total".

E ao respecto da falta de transparencia na información oficial precisa que "non é que a Xunta minta no que respecta ás cifras de hectáreas queimadas, simplemente faltan á verdade". Xa que logo, "miden sobre un mapa, en dúas dimensións, o terreo afectado e informan segundo iso das estimaciòns de porcentaxe queimada". Evidentemente, na realidade, os montes non son superficies planas, e en Galiza os montes exténdense sobre non poucas montañas e outeiros. Así, a cifra real, en tres dimensións, sería moito maior. "Estamos a falar de desaxustes bestiais". E esta é outra peculiaridade da nosa comunidade. En Andalucía por exemplo dábanse as cifras precisas e ao momento.


Ligazóns

0/5 (0 votos)