Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LUMES NUNCA MÁIS

Xosé Pereira: "nunca entendemos por que a Xunta se nega a constituír ese foro conxunto que esiximos"

"Os problemas son varios e distintos en cada lugar", di Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes de Veciños. Partindo das estatísticas que din que amosan que o 90% son provocados, Pereira chama a facerse unha pregunta: "a quen lle interesa queimar o monte?" e a partir de aí "facer unha análise estructural sobre as múltiples causas, porque nunha mesma área pode haber lumes por motivos ben diferentes".

- 13:54 10/08/2004
Tags:

Pereira detalla varios condicionantes para os incendios: "enfrontamento de intereses: gando mostrenco, cazadores, animales soltos... son situacións onde é preciso acometer solucións lexislativas que beneficien a todos"; a existencia dunha "industria do lume: dende o alugueiro de todoterreos e helicópteros... a Xunta ten un concepto errado neste sentido e promove o combate aos incendios a través de empresas privadas. Estanse movendo moitos cartos arredor disto e esquécese de que estamos falando do que debería ser un servizo social; e causas estructurais: "a política forestal fixo abandonar o monte. Debemos mudar a tendencia cara condicións que promovan o aproveitamento dos montes, dos beneficios de vivir cara o monte".

Nesa liña, e como representante da Organización Galega de Comunidades de Montes de Veciños, insiste na petición "dunha mesa que inclúa a todo o sector: sindicatos do agro, ecoloxistas, asociacións de montes de man común, administración...". Segundo Xosé Pereira, é un paso imprescindíbel para "tomar accións e deseñar un plan efectivo".

Pereira critica que a consellería de Medio Ambiente "céntrase nese labor de extinción e esquece os traballos de prevención", que non só abranguen a limpeza de montes e pistas senón que pasan por "unha estratexia máis ampla" que a Xunta debería estructurar en medidas concretas políticas, económicas e lexislativas.

Asegura que non hai explicación posíbel para que a "a Xunta se negue a constituír ese foro conxunto que esiximos" e critica que "dende a Consellería sacan un concepto cada ano: que si escuros intereses polo paro no Morrazo, que si mafias... mesmo sobre este suposto, o das mafias, se contradin os últimos días os conselleiros de Xustiza e Medio Ambiente, Palmou di que existen e Barreiro di que non".

"Teñen un sentido fatalista e traballan fundamentalmente pensando na extinción. Pero os lumes apáganse no inverno", subliña, "Hai casos, por exemplo un recente no Val Miñor, onde un debate entre sectores sociais levou a un cambio de visión cara o monte e afastou o lume de zonas onde había alto risco todos os veráns".

Asimesmo, destaca a necesidade dunha "lei de montes axeitada", coa defensa do monte veciñal e "a fin de prohibicións que recurtan as posibilidades para a vida do monte serían necesarias". "O borrador actual non vai ser aceptado por todos os sectores", advirte.

Na actualidade hai preto de tres milleiros de comunidades de montes en Galiza e sobre todo en Ourense e Lugo hai un défice de organización. Artellar estratexias arredor dos montes veciñais "é un factor chave para o desenvolvemento local", afirma o presidente da Asociación de Montes Veciñais. A nosa asociación data do ano 1999. Dende aquela xa foi mellorando a situación.


Ligazóns

0/5 (0 votos)