Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LUME NUNCA MÁIS

Xoán Monasterio: "o problema básico está no despoboamento do rural"

"Son os labregos os que garanten que as terras estean en uso, que os montes estean coidados... os usos tradicionais freaban a probabilidade de incendios", opina Xoán Monasterio dende o Sindicato Labrego Galego, "a causa fundamental está na ausencia dunha política forestal e agraria que axude a manter a xente no rural".

- 13:55 10/08/2004
Tags:

"Non se están queimando montes para plantar viñas. Ese non é problema", asegura Xoán Monasterio, "a Administración ten a teima de botarlle a culpa a alguén. Pero os problemas básicos están no despoboamento do rural, na eliminación das condicións para que os labregos poidan vivir da terra"

"Haberá que facer unha análise de distintos factores, xa que as causas son moitas e abranguen especulación urbanística, o propio sistema co que se despregaron as brigadas antiincendios... pero a causa fundamental está na ausencia dunha política forestal e agraria que axude a manter a xente no rural", defende o SLG.

Monasterio advirte da inexistencia dun ordenamento do territorio, "cada un fai o que lle peta, non se definiron os usos da terra, non podemos converter o rural nun espazo exótico, ten que haber turismo rural e á beira ten que existir unha ampla actividade agraria". A maiores, e na loita contra os incendios, destaca a necesidade de "promover a prevención" e engade que iso inclúe necesariamente "a defensa dunha agricultura sostíbel, a garantía da pervivencia das aldeas, definir os usos da terra e políticas forestais claras". Ao tempo, denuncia a negativa da Xunta a escoitar a sindicatos ou ecoloxistas: "Nos países desenvolvidos consúltaselle aos axentes implicados. Aquí hai costume de sacar normativas que á hora de levarse á práctica topan con realidades distintas".


Ligazóns

5/5 (1 votos)