Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OS ECOLOXISTAS PIDEN DIÁLOGO PARA OUTRA POLÍTICA FORESTAL

O problema dos incendios "non é un simple asunto de delincuencia"

Negar que o abandono dos montes ou a súa xestión inaxeitada favorece os incendios, coma recentemente afirmou o conselleiro de Medio Ambiente é "ou mostra de ignorancia sobre un dos principais problemas da nosa terra" ou ben unha forma de "eludir responsabilidades políticas" . Así o denuncia a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, que pide priorizar unha "política forestal ecoloxicamente sustentábel" para reducir o risco de incendios.

- 14:00 10/08/2004
Tags:

"Fan todo o posíbel para limitar a información pública sobre a incidencia dos lumes, falsean datos sobre superficies queimadas, utilizan parte do enorme gasto anual en extinción para favorecer o caciquismo coa
contratación das brigadas municipais, desprezan as propostas da sociedade civil e consideran aceptábel que o noso país sufra uns 10.000 lumes cada ano e sexa a comunidade autónoma máis afectada", denuncia Adega.

Dignidade e responsabilidade requiren diálogo para enfrontar o problema
"Xosé Manuel Barreiro só parece preocupado por ocultar a grave dimensión dos lumes e a súa responsabilidade. Como os seus antecesores e o seu presidente, carece da capacidade de análise, da visión de futuro, do compromiso coa defensa dos montes e da vontade de diálogo e de negociación necesarios para enfrontar un problema que ten causas estruturais e que non se pode reducir a un simple asunto de delincuencia", acusa Adega ao conselleiro de Medio Ambiente.

Unha actuación cun "mínimo de dignidade política" e "responsabilidade ambiental" require segundo os ecoloxistas renunciar ao autoritarismo para acadar "un amplo pacto para a loita contra os incendios forestais". Para Adega sería desexábel que o problema dos incendios estivese "no centro das preocupacións sociais e políticas durante todo o ano e non só durante algúns momentos do verán". A "marea negra" que cada ano padecen os nosos montes require dunha resposta social e política acorde coa "gravidade do problema e coa importancia estratéxica, en termos ambientais, sociais e económicos, do monte".


0/5 (0 votos)