Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LOGO DA DENUNCIA DA MINISTRA E O ANUNCIO DUN DECRETO DENDE A XUNTA

Os sindicatos do agro din que non hai vencello dos lumes coa reutilización dos terreos para viñas

O anunciado decreto da Xunta para prohibir plantar viñas en montes queimados, lonxe de solucionar o problema dos incendios "é un grave prexuízo para os labregos", afirman dende o Sindicato Labrego Galego. No mesmo sentido, dende Unións Agrarias rexeitan a opinión da ministra de Medio Ambiente sobre a existencia de relación entre os incendios acontecidos en Ourense coa reutilización destes terreos forestais.

- 14:05 10/08/2004
Tags:

Prohibir usos agrarios en terras afectadas por incendios forestais "é un despropósito", din dende o Sindicato Labrego Galego. Na opinión do SLG, "os incendios benefícianse da inexistencia dunha normativa que defina os usos do solo e do despoboamento e desertización do medio rural". O sindicato critica a tese da ministra e o posterior anuncio dende a consellería de Medio Ambiente de tomar medidas ao respecto recoñecendo a posíbel relación entre lumes e plantación de viñas. Así, advirten que esta medida "non só deixaría sen solucionar o gravísimo problema do lume que Galiza está a sufrir, senón que podería supor un grave prexuízo para moitas familias labregas que, por riba de apandar cos efectos devastadores dos incendios, verían minguadas as posibilidades produtivas das súas terras".

Nun comunicado oficial, o SLG recoñece a diversidade de intencións que dan orixe aos lumes forestais, pero denuncian que por riba de todas, a proliferación de incendios ten unha causa a miúdo ignorada "polos diversos políticos": "o peche masivo de explotacións labregas, que provoca o abandono do medio rural e o seu despoboamento, unha condena que sufre o noso agro por mor das nefastas políticas agrarias do PSOE e do PP".

"O lume non proliferaría en agros con praderías e leiras en activo, cos camiños ben coidados, cunha poboación que mantivese os terreos e montes limpos de maleza con rozas regulares e pastoreo, cunha silvicultura baseada no sentido común e non no beneficio especulativo, ou co simple mantemento dos cortalumes", din dende o SLG. Neste sentido, remítense a unha das súas propostas históricas como vía de solución anti-incendios: "a elaboración dun mapa dos usos agrarios do solo de Galiza, un mapa onde apareza definida a tipoloxía e destino de cada metro cadrado de solo no noso país e os seus usos".

"Ningunha relación", avisa UUAA
"Sempre lle botan a culpa ao máis débil", denunciou o secretario xeral de Unións Agrarias. Na mesma liña que o SLG, dende UUAA, Roberto García foi moi preciso na súa explicación: "só un dos concellos ourensáns afectados polo lume hai plantación de viñas: Carballeda de Avia, polo que pouco vencello se podería facer ao respecto". Ao tempo, advertiu que de ser esta a causa dalgún dos lumes, a acusación debera ir directamente contra "tres ou catro grandes empresarios do sector que non teñen moito que ver co común dos viticultores", que habitualmente posúen explotacións de non máis de media hectárea. Máis aínda, o voceiro de UUAA lembrou que o dereito de replantación, 12 mil euros "é unha cifra lonxe do alcance da maioría de viticultores".


0/5 (0 votos)