Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NON VAI HABER SESIÓN EXTRAORDINARIA SOBRE INCENDIOS

Xaime Pita asegura que no tripartito ardeu máis monte que agora

O portavoz do grupo parlamentar popular, Xaime Pita, comunicou o voto do seu partido contra á convocatoria dunha sesión extraordinaria da Comisión de Medio Ambiente para informar sobre a incidencia dos incendios e debater as posibles alternativas na loita contra os mesmo. A xustificación da oposición popular a esta xuntanza, segundo Pita, reside en que o mesmo Xosé Manuel Barreiro, conselleiro de Medio Ambiente, solicitou a súa propia comparecencia na primeira sesión parlamentar do mes de setembro.

- 17:52 24/08/2004
Tags:

Nesa primeira sesión do mes de setembro, Barreiro achegarálle aos demais parlamentarios, segundo Xaime Pita, "absolutamente todos os datos para que os desasosegados se soseguen como xa está a maioría do pobo galego", apuntou referíndose aos dous grupos da oposición, PSdeG e BNG. Na súa comparecencia o portavoz popular fixo pública a "satisfacción" do seu partido ante a política forestal que leva a cabo a Xunta de Galicia, xa que "ardeu máis no 89 que en 14 anos de goberno Fraga", sentenciou.


Segundo os datos que manexa o popular Xaime Pita en 1987 producíronse un total de 3.900 incendios e en cada un deles queimouse unha media de 15,53 hectáreas. Durante o goberno do tripartito a cifra de incendios ascendeu a 8.243 pero en cada un calcináronse 24,41 hectáreas. Deste xeito, aínda só neste ano se produciron 8.986 incendios só arderon en cada un deles 3,3 hectáreas.

As explicacións de Pita non foron suficientes para os membros da oposición que tacharon ao portavoz popular de "soberbio e arrogante". Tanto o PSdeG coma o BNG salientaron o fracaso que supoxo a política forestal do goberno Fraga. Alfredo Suárez Canal, do BNG, instou ao goberno da Xunta á que lle dera ao problema forestal "rango de problema nacional" e buscara o xeito de "involucrar a toda a sociedade na loita contra as chamas". O portavoz socialista, Ismael Rego, apuntou como dato máis significativo o feito de que "dende hai quince anos prodúcense os mesmo incendios aínda que o orzamento para prevención ascende xa a máis de 600 millóns de euros.


0/5 (0 votos)