Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ELECCIÓNS 2005

Rajoy déixalle a Fraga a porta aberta para presentarse á Xunta

Despois do seu postulamento a semana pasada, o único que podía evitar que Manuel Fraga repetise como candidato á presidencia da Xunta era o propio Partido Popular. Pero o seu líder estatal, Mariano Rajoy, no trancurso dun acto da formación conservadora en Meis, aclarou todas as dúbidas: "Fraga ten ganas e ilusión, e o partido daralle o seu apoio incondicional".

- 15:34 28/08/2004
Tags:

O secretario xeral do Partido Popular, Mariano Rajoy, asegurou que o presidente da Xunta, Manuel Fraga, lle manifestou "a súa disposición, ganas e ilusión" de volver a ser o candidato popular nas vindeiras eleccións autonómicas e garantiulle que contará co "apoio incondicional" da dirección do partido, tanto en Galiza como en España.

Perante Fraga e no transcurso dun xantar con membros da xunta directiva do PP pontevedrés, Rajoy admitiu que o presidente galego lle manifestara a súa disposición a optar a un quinto mandato na Xunta. En opinión de Rajoy, as catro maiorías absolutas consecutivas de Fraga supoñen a proba de que o de Vilalba "ten o respaldo e o apoio dunha maioría de galegos". "Se Fraga quere, terá o apoio incondicional do partido, e xaora o meu, como sempre", declarou Rajoy.

Estas declaracións confirman e ratifican as palabras máis veadas da semana pasada, onde se apuntaba a posibilidade de que Manuel Fraga repetise como cabeza de cartel nas eleccións galegas. Logo de Rajoy falou o propio Fraga, pero na súa intervención eludiu deixar pegadas dos seus plans para o futuro. "Estou de acordo de pe a pa co exposto polo secretario xeral do partido", dixo Fraga.

Ao encontro de Meis para despedir as vacacións de Rajoy asistiron entre outros, o presidente da Generalitat valenciana, Francesc Camps; a vicepresidenta da Comisión de Transportes da UE, Loyola de Palacio; a coordinadora de Acción e Participación
do PP, Ana Pastor, así como diversos conselleiros, alcaldes e deputados da provincia como o ex-conselleiro Xosé Cuíña.


0/5 (0 votos)