Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NA MORTE DO POETA DA TERRA CHÁ

Manuel María, a conciencia da terra

O mundo literario galego é unánime: Manuel María enche coa súa inmensa obra medio século da literatura galega. Todos coinciden en que desparece unha "figura cimeira da literatura", que representou "a conciencia de Galiza" e "o sentir colectivo duna época". As persoas que o coñeceron tamén destacan o seu carácter "xeneroso, cordial e entregado á xente".

- 10:18 09/09/2004
Tags:

Un dos seus compañeiros de xeración poética e amigo de moitos anos, Xosé Luís Méndez Ferrín, sinalou que Manuel María "encheu todo un periodo da literatura galega, que vai desde os anos cincuenta ata hoxe". Ferrín lembrou que o poeta chairego era "un traballador infatigable" que produciu "unha obra inmensa que abrangue todo tipo de xéros, desde a poesía, a narrativa, o xornalismo ou a conferencia". Sen esa obra, asegura Ferrín, "a literatura galega sería outra". No conxunto da súa extensa producción, "hai momentos fermosímos, con poemas que representaron o sentir colectivo dunha época". "Non é, por tanto, un tópico, dicir neste caso que perdemos unha figura cimeira da literatura", concluiu.

Outro dos seus grandes amigos foi o escritor lugués Darío Xoán Cabana quen considera a Manuel María como "un dos poetas máis importantes da segunda metade do século XX". "Dentro dos centos de poemas que nos deixou, ducias deles quedarán para sempre entre o mellor da literatura galega", engadiu. Para Cabana, libros como Terra Chá ou Versos para un país de minifundios conteñen "alustros dun lirismo sobrecolledor". Desde o punto de vista persoal, Darío Xoán Cabana asegurou que "dos tres grandes amigos que tiven na miña vida, Manuel María foi o primeiro. Coñecino aos 16 anos e desde aquela foi como un irmán maior para min. O seu carácter xeneroso, cordial e entregado aos demais deixou unha fonda pegada en todos os que o coñeceron. De feito, se algo contribuín á literatura galega, foi en gran medida grazas a Manuel María".

Para o editor das súas obras completas, Miguel Anxo Fernán Vello, Manuel María "representaba a conciencia de Galiza: conciencia da Terra, da cultura e da xente tan unida a el polo feito de estar ligado a un país de labregos (naceu en Outeiro de Rei). El foi en realidade o cantor desa realidade popular". Respecto da súa obra, Fernán Vello asegurou que "percorre desde o tremor existencial e a fusión coa terra ata o amor ou a política. É, en definitiva, un percorrido pola vida". Fernán Vello lembrou que "existe tamén unha amplísima e dispersa obra xornalística, que haberá que recuperar". Por último, concluiu que a súa obra poética "é unha referencia da poesía galega do século XX".


0/5 (0 votos)