Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Fraga lava

Fraga falou outra vez. E cando Fraga fala, as súas frases son coma as linguas de lava do Etna: como vai imaxinar un que esa lava vella, que eses cachotes negros poidan levar algún perigo! Así e todo, eses cachotes foron noutrora un fluxo vermello, que esnaquizou todo o que atopou ao paso. E basta fozar un pouco nesas terras volcánicas para decatarse de que uns poucos metros por baixo a terra segue a fluír candente. Pois ben, as mensaxes de Fraga teñen para min esa misma traza.

- 08:34 23/09/2004
Tags:

Fraga ben deita dunha moi vella técnica política que mesmo nos Estados Unidos está rendendo non poucos votos a Bush. O seu alicerce é o seguinte: un serio enfrontamento provocado polos "outros" está ao axexo, o mundo cambia mais comigo no poder nada vai mudar, a miña obriga é a de ser faro para todos vós no medio desta marusía e afundirémonos se nomeades outro patrón que non sexa eu, teño o apoio implícito de grandes mitos mudos (meu señor Santiago dáme forzas), vistos os perigos arredor nosa este é un dos peores momentos para o revezamento, o nacionalismo galego é excluínte e extremo como ben explica a televisión que está seguindo o seu irmán vasco, Galicia ten que seguir subordinada aos intereses do Estado, e hai que ser túzaro ou tolo para non crer nas indiscutíbeis verdades devanditas.

A mensaxe de Fraga é a mensaxe do medo, á fin e ao cabo. A tortas e a direitas repite os seus axiomas sentados de antemán, que por ser axiomas non precisan demostración nen razoamento, para xustificar desde aí duas cousas: unha, hai que defenderse dos que queren que Galiza mude aínda que o mundo estea mudando; dúas, no meu partido pode haber xente preparada mais neste transo é inapropiado falar de revezamento.

O máis rechamante é a teimosía coa que Fraga rexeita en redondo a "peregrina" idea de que Galiza pode necesitar cambios. Como se Galiza non tivese mudado nos últimos vinte anos! Por coller o exemplo do que acontece coa língua, ben sabe el que os seus esforzos por non deixar agromar a lingua galega creando unhas condicións imposíbeis para os falantes de galego poderen expresarse a cotío nesta lingua con normalidade, están reducindo o número de falantes e a calidade da língua. O seu modo de expresarse nun galego inzado de calcos do castelán, que é o que fala a TVG, serve para que os falantes se dean de conta de que o galego de prestixio non é o que eles falan, machucando asemade a vella idea de que hai que ir morrendo, galego! Mais ese foi sempre o seu propósito, e vinte anos son moitos anos para afundar nese obxectivo. E logo haberá quen diga que Fraga é un home moderado!

Os tempos son chegados de quitarlle a carauta de "home de estado" ao que se arrogou ese alcume. Acá non vale máis nada que o convencemento pola manipulacion da linguaxe. Hei de recoñecer porén que o vello renarte coñece os seus votantes e é quen de mandarlles unha tras outra as mensaxes que eles precisan escoitar. Se o nacionalismo galego soubese atopar un público-albo do mesmo modo, decerto serían os resultados electoriais moi diferentes do que veñen sendo nos últimos tempos.

Fraga coñece o seu público e sabe que a Guerra Civil deixou neles unha pegada de horror talmente inesquecíbel, que acaba por ser doado xogar con ese medo. E evidentemente todo o mundo sabe que deixar á dereita á marxe do poder pode significar xogar con lume.


0/5 (0 votos)