Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
SUMARIO DE XERFA

Manolo Sales e Anxo Cabada. As cousas que non son e parecen

A Galería Sargadelos de Barcelona abre o programa de exposicións deste ano cun suxestivo equilibrio entre a textura mol e a rotundidade granítica. Desde mediados de setembro pódense ver as "láminas" de cerámica de Manolo Sales e mais as fotografías de Anxo Cabada, acompañadas por textos de poetas galegos. Gres e rocha granítica descobren, como escribiu Xohana Torres, "as cousas que non son e parecen". Por Helena González

- 17:07 22/11/2004
Tags:

De certo os Papers de porcellana, de Manolo Sales evidencian que o gres non é papel pero pode parecelo. O artista de Castellón, cunha traxectoria moi recoñecida en Valencia, traballa á contra da rixidez e o volume da cerámica e, pola contra, insiste no soporte plano e na textura mol. Coma se fosen cadros de papel artesanal, xoga coa luz e as cores en colaxes fragmentarias de gres. Abstracción xeométrica a partir dos cadrados e unha gama de cores que devolven á terra e o lume. Simplicidade para que a forma e o xogo de apariencias do material teña todo o protagonismo: agora coma papel, en traballos anteriores coma pel.

Da terra para o mar bravo. Anxo Cabada propúxolle a unha serie de poetas participar nunha proxecto coral sobre o mar tal e como o viven os galegos. A partir dunha colección de fotos súas cada poeta escribe un texto, e o resultado é esta poli/grafía costeira que titula Maregrafías. Na longa lista de poetas, dúas da tomada galego-catalana, María do Cebreiro e Cristal. A receita non é novidosa pero mantén a eficacia. Recórdese que no 2001, nesta mesma época, Sargadelos mostraba Estado de sitio. 23 poetas ourensáns e 9 poetas. Mágoa que nesta ocasión non se acompañou a exposición cun catálogo máis amplo no que se reproducise unha selección das fotos e mais os textos.

Nos últimos tempos o mar desprazou a paisaxe da chaira e a leira. A paisaxe de rompente e salitre a bater na rocha pasou a converterse na representación da nación imaxinada porque era aquela parcela do real aínda non rozada pola escrita (a miúdo imaxinario e vida transitan viais diverxentes). Se de Rosalía a Novoneyra o territorio identitario se acoutaba nas leiras e nos eidos, con Bernardino Graña, Xohana Torres, Manuel Rivas, Xurxo Souto, Ana Romaní, Rosa Aneiros... vírase cara ao mar bravo. Basilio Losada, no seu texto para a exposición, afirma que ningún libro semella máis axeitado para estas fotografías de Anxo Cabada que Corazóns amolecidos en salitre, de Rosa Aneiros. Cadro de acordo, pero tamén é certo que en nada desmerecen os textos que aquí se recollen. En todos eles, paisaxe humanizada, ou, se se prefire, corpos de producción e emoción a pé de marea. E, por suposto, un certo aquel do chapapote... Seica o horror do Prestige inaugurou unha nova forma na literatura e as artes plásticas: a marea negra como xénero; seica podemos dicir marea negra coma quen di novela negra ou novela histórica.

De todas as fotos saliento dúas, aquelas que discorren entre o real e a apariencia: "as cousas que non son e parecen" e por iso falan. Trátase dos retratos de dous percebeiros. Corpos de producción co ramallete prezado: a memoria nas enrugas da cara, a deformación nas mans. Un home e unha muller que poñen dous rostros distintos á satisfacción polo tesouro case floral. El, coa cabicha do cigarro, con aire de pistoleiro salgado do far-west, traicionado polo que de feminino hai nos percebes collidos como ramo de violetas. Ela, como acerta a nomear Marga do Val no seu poema, "Madonna Aurita", aureóla mística a emerxer do cotián... Carlos Negro podería escribir máis sobre estes retratos.

Manolo Sales
Papers de porcellana
15 de setembro a 5 de novembro de 2004
Sala Luís Seoane

Anxo Cabada
Maregrafías. Fotografíes i poesies del mar
Textos de Lucía Aldao, Anxo Angueira, Adolfo Caamaño, Pepe Cáccamo, Calo Lourido, Marica Campo, María do Cebreiro, Xosé Daniel Costas, Maite Dono, Marga do Val, Lucía Durán, Antonio García Teixeiro, Mónica Góñez, María Lado, Cristal Méndez, Victoria Moreno, Marisa Núñez, Pilar Pallarés, Chus Pato, Luis Rei Núñez, Xavier Rodríguez Baixeras, Baldo Ramos, Ana Romaní, Xurxo Souto, Xosé Vázquez Pintor
Texto do folleto de Basilio Losada
9 de setembro a 15 de outubro de 2004
Sala Castelao

Galería Sargadelos | Provença 274-276 | Barcelona

Outros Sumarios


0/5 (0 votos)