Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A INICIATIVA DO BNG

O Foro Social recollerá as demandas da sociedade no debate sobre o novo estatuto

O Foro Social do Novo Estatuto para Galiza comezou a súa andaina nun acto de presentación ao que asistiron a maioría dos responsábeis das áreas de traballo, entre eles, Xosé Luís Barreiro Rivas, Ramón Villares, Pablo González Mariñas, Xosé Fortes e Xosé Ramón Pousa. O Foro creuse a iniciativa do BNG coa intención, segundo a viceportavoz nacionalista, Ánxela Bugallo, "de que a proposta do novo Estatuto sexa unha alternativa construída pola sociedade galega, non só o proxecto do BNG".

- 17:15 25/09/2004
Tags:

Xosé Luís Barreiro Rivas sinalou que "o noso obxectivo como cidadáns non é facer un programa político senón suxerir en que forma deberá ser modificado o marco institucional e xurídico de Galiza para solucionar os novos retos aos que se enfronta a sociedade galega".

Os participantes neste foro organizaranse en quince áreas de traballo nas que se debatirán os distintos aspectos que deberían recoller, na súa opinión, un novo Estatuto de Autonomía para Galiza.

A formación nacionalista solicitou a diversos sectores da sociedade galega que reflexionaran sobre cales deben ser os contidos do novo documento que debería fixar as pautas da nova autonomía de Galiza. O BNG xa presentara un documento elaborado pola propia fronte na que establecía a súa proposta de Novo Estatuto.

O obxectivo do Foro é, segundo Barreiro, "reflexionar sobre como pode reformarse o Estatuto de Galiza para que garanta un futuro mellor para o país". "Facemos todo isto conscientes de que a modernización de Galiza xa está en marcha. Non pretendemos ter unha actuación paternalista respecto da sociedade, senón recoller as súas aspiracións", engadiu.

O traballo do Foro enmárcase tamén dentro do debate sobre o modelo de estado. Para o catedrático de Historia Contemporánea da USC, Ramón Villares, "estamos nunha fase que se pode considerar como constituínte. Galiza ten que participar nese debate coa súa propia voz, que ten que ser distinta á de Cataluña, Euscadi ou Andalucía".

En canto aos temas que a sociedade quer que se inclúan no novo Estatuto, segundo explicou Pablo González Mariñas, responsábel da área de Administración Pública, o abano é moi amplo, pero inclúe a demanda "dunha institucionalización pública máis eficaz e axeitada, a preocupación polo financiamento e a relación co Estado e coas Comunidades Europeas, entre outros".

Os integrantes do Foro Social do Novo Estatuto para Galiza comprometéronse a facer pública unha primeira comunicación dos seus traballos a final deste ano.

Áreas de traballo do FORO DO NOVO ESTATUTO

1. Democracia, participación e novo Estatuto
Coordenador: X.L. Barreiro Rivas

2. Administración Pública e novo Estatuto
Coordenador: Pablo G. Mariñas

3. Cohesión social e novo Estatuto (inclúe mocidade, muller)
Coodenadores: representante de ONGs de Galiza

4. Ordenación da economía (inclúe empresa) e novo Estatuto
Coordenador: Xavier Martínez Covas

5. Servizos públicos (sanidade, etc) e novo Estatuto
Coordenador: Xosé Luis Doval

6. Ensino, investigación e novo Estatuto
Coordenador: Ramón Villares

7. Identidade e cultura e novo Estatuto
Coordenador: Víctor Freixanes

8. Desenvolvemento sostible e novo Estatuto
Coordenador: Salustiano Mato

9. Ordenación do territorio e novo Estatuto
Coordenador: Daniel Pino, Otero Pombo, Manuel Pérez Ruc

10. Dereitos Civís e novo Estatuto
Coordenador: Xosé Fortes

11. Espazo audiovisual e novo Estatuto
Coordenador: Antonio Mourelos

12. Política lingüística e novo Estatuto
Coordenador: Manuel Bragado

13. Sociedade da Información e novo Estatuto
Coordenador: Xosé Ramón Pousa

14. Facenda galega e novo Estatuto
Coordenador: Francisco Constenla

15. Dereitos laborais
Coordenador: sen determinar


0/5 (0 votos)