Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FESTIVAL DE CINEMA DE DONOSTIA

'As tartarugas tamén voan', Cuncha de Ouro en Donostia

O xurado outorga por maioría e non por unanimidade os seus premios principais a filmes que se ocupan das traxedias que nacen arredor da guerra. Última crónica de Martin Pawley dende o Festival de cinema de Donostia.

- 17:37 25/09/2004
Tags:

Por algo será que á decisión dun xurado se lle denomina "fallo". Porque se ben os dous premios principais do certame recaeron en dous dos filmes máis interesantes proxectados na Sección Oficial, aínda que non tan bos como o entusiasmo da crítica parece insinuar, hai que recoñecer que o resto do palmarés oscila entre o ridículo e o disparatado.

A iraniano-iraquí 'As tartarugas tamén voan', de Bahman Ghobadi, vencedora da Concha de Ouro e tamén do premio do Círculo de Escritores Cinematográficos no que votamos todos os periodistas españois acreditados, é unha película digna pero incómoda polo que ten de reflexo atroz e pesimista das miserias da guerra e da violencia que sofre o pobo curdo, para o cal non dá chegado nunca o día da esperanza. Cun grupo de rapaces como eixo central, feito que lle permite encamiñarse por momentos cara un ton máis amábel e lixeiro, 'As tartarugas tamén voan' é a clase de obra que xera aprezo unánime entre a crítica agora mesmo e que estará bastante esquecida dentro duns cantos anos. Cousas así xa sucederon moitas veces. E se non me cren, repasen as hemerotecas.

Premio Especial do Xurado "polo xeito no que evoca as tráxicas consecuencias dun conflito civil a través da relación entre un supervivinte serbio e unha nena autista", 'San zimske noci' (O soño dunha noite de inverno) é un filme melancólico e triste, de ritmo francamente mellorábel e que desemboca nun final un pouco precipitado pero tan extraordinariamente fermoso que xustificaría este galardón e calquera outro que se lle outorgase. O plano fixo das árbores en flor e co son dun disparo que se produce fóra de campo é un dos poucos instantes de verdadeiro gran cine que tivemos ocasión de ver entre as fitas a concurso. Benvido sexa, pois, o recoñecemento a Goran Paskaljevic.

E despois disto empeza a festa. Era obvio que 'Omagh' acabaría levando algo de Donostia, pero non é precisamente o guión o máis brillante dunha obra tan correcta como escasamente estimulante. Nos seus escritores, Guy Hilbert e Paul Greengrass, recaeu un dos dous Premios do Xurado. O outro foi parar a Marcel Zyskind pola fotografía de 'Nine Songs', imaxino que en recoñecemento ao desleixe estético dun filme cativo cativo, e non me refiro só á súa duración.

O matrimonio protagonista de 'Brødre' (Irmáns), Ulrich Thomsen e Connie Nielsen, levou as Cunchas de Prata ao mellor actor e actriz, e sendo certo que non vimos nestes oito días interpretacións colosais que nos marcasen especialmente tamén é obvio que coma esas ou mellores había un feixe. O peor do palmarés, de todos xeitos, é a ridícula Cuncha de Prata á mellor dirección que gañou Xu Jinglei, a autora dunha 'Carta a unha descoñecida' de nula inspiración e aparencia rancia, que non clásica.

Fican fóra da lista 'Silver City' do gran John Sayles e a brillante 'Ingélézi' de François Dupeyron, obras das que eu gostei moito e os demais non tanto e que en calquera caso non dependen do éxito en Donostia para se estrear. O que si chama a atención é a miopía do xurado ante 'El cielito', unha produción honesta e emocionante que se fixo con multitude de galardóns entre os premios paralelos ao Festival que conceden diferentes institucións e organismos, entre eles o utilísimo 'Arte', dotado con 92.000 e que facilita a distribución europea dun filme feito. O seu actor protagonista, Leonardo Ramírez, estaba radiante e feliz no cóctel posterior ao anuncio do palmarés. E eu, que queren que lles diga, alégrome por el. Por iso, e polo feito de que bodrios como 'Roma', 'Horas de luz' ou 'Sumas y restas' non chegasen a cativar ao xurado. Porque ata aí podiamos chegar, carafio.

Outros premios
Premio Altadis-Novos Directores: por maioría a 'Innocence', de Lucile Hadzihalilovcic (Francia). Mención especial a 'Karpuz Kabugundan Gemiler Yapmak', do turco Ahmet Uluçay, polo seu humor e frescura.

Premio Montblanc ao mellor guión: por unanimidade a Marc Gautron e Fanta Régina Nacro, por 'La nuit de la verité'.

Premio Horizontes: 'Mala leche', de León Errazuriz (Chile). Mencións especiais a Fernanda Montenegro e Damián Alcazar polas súas actuacións en 'O outro lado da rua' (Brasil) e 'Crónicas' (Ecuador).

Premio TCM do público: [A HREF='http://www.vieiros.com/nova.php?Ed=1&id=38483''Diarios de motocicleta', de Walter Salles.

Premio Mercedes-Benz da Xuventude: 'In my father's den', de Brad McGann.

Premio do xurado da Fipresci: 'El cielito', de María Victoria Menis (Arxentina)

Premio Cine en Construcción 6: 'Iluminados por el fuego', de Tristán Bauer (Arxentina).


Ligazóns

0/5 (0 votos)