Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRISE NO PPdeG

División de opinións entre os alcaldes ourensáns sobre a solución da crise

Non hai unanimidade nos alcaldes da provincia de Ourense sobre cal debe ser a saída da crise suscitada pola presunta decisión de Baltar de abandonar o PP nin sobre a aparición de Xosé Cuíña como interlocutor entre Fraga e o propio Baltar.

- 16:21 28/09/2004
Tags:

O máis crítico con este último punto foi Senén Pousa, alcalde de Beade, unha localidade do Ribeiro de 576 habitantes cunha idade media de 48 anos e unha taxa de actividade do 38%. Pousa, un alcalde que organiza todos os 20 de novembro unha misa en memoria do xeneral Franco, asegurou que "quen ten que negociar é o presidente provincial e ninguén máis", aínda que tamén se mostrou molesto polas formas que utiliza Baltar: "non me gusta nada, aínda que respecto a Baltar, o que está facendo co noso presidente". Pousa recomendoulle a Baltar que "se quere marchar do partido, que o faga dunha vez, porque xa marcharon outros e o partido segue estando aí".

Amador de Celis, alcalde de Bande (2.332 habitantes cunha idade media de 53,7 anos), afirmou que descoñecía os motivos da presenza de Cuíña, pero "se se falou de escisión, el tamén formaba parte dela". O alcalde de Beariz (1.477 habitantes cunha idade media de 51,3 anos e unha taxa de actividade do 27,9), Manuel Prado, limitouse a dicir que Cuíña "non debería ter estado aí". O máis rotundo foi o alcalde da Arnoia (1.233 habitantes cunha idade media de 52,7 anos), Roxelio Martínez, quen ve "máis difícil ca nunca" unha solución á crise dos "populares" ourensáns. Xosé Manuel Freire, o alcalde de Barbadás (7.119 habitantes cunha idade media de 40 anos) asegurou que "se Cuíña está tratando de ser o espírito conciliador" nestas negociacións "non ten nada que obxectar en contra", porque "o máis importante é solucionar a crise".


0/5 (0 votos)