Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O CENTRO DE MEDIOS INDEPENDENTES GALEGO ENTRE OS AFECTADOS

O FBI confisca discos duros de Indymedia

Os servizos de información alternativa de Indymedia en Galiza, Italia, Portugal, Polonia ou Euscadi están entre os sitios inaccesíbeis logo de que o FBI requisase un servidor no Reino Unido. O fornecedor Rackspace, con oficinas nos EEUU e en Londres, recibiu unha orde que lle obrigou a entregar información e equipos en Inglaterra que acollían as webs de centros locais da rede Indymedia.

- 08:18 08/10/2004
Tags:

Polo momento é descoñecida a razón pola que o FBI se incautou dos discos duros, e segundo lle explicaron a Indymedia dende Rackspace, non teñen permitido achegar máis información logo da orde da oficina policial estadounidense. Dende Indymedia amosan a súa preocupación porque unha máquina que se supón está fóra da xurisdicción americana poida ser requisada pola administración USA.

Anuncian tamén que xa se contactou coa Electronic Frontier Foundation, asociación que traballa a prol das liberdades na rede, para o deseño e a organización da defensa legal e co obxectivo de recuperar toda a información confiscada. Ao tempo, lembran que en previsión de que nalgún momento se puidese sufrir unha acción deste tipo, non estaba habilitado o rexistro das IP de quen visitou ou publicou noticias nalgún momento no servidor de Indymedia.

Segundo publican na súa web principal, hai meses que os centros de medios independentes da rede Indymedia están sendo acosados polo goberno Bush. Pouco antes da convención republicana en Nova York, o pasado mes de agosto, os servizos de intelixencia tamén fixeran un requerimento xudicial tentando obter rexistros de Ips de fornecedores nos EEUU e en Holanda. Asimesmo, a presunta foto dun policía secreto suízo publicada polo CMI de Nantes tería aberto investigacións do FBI sobre CMIs europeos e estadounidenses.


Ligazóns

5/5 (1 votos)