Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POR QUE AUMENTARON OS ORZAMENTOS DA CIDADE DA CULTURA

A consellaría respóndelle á CiG e desvincúlase do marido de Pilar Rojo

Como resposta á información achegada pola Confederación Intersindical Galega arredor dos orzamentos da Cidade da Cultura, a Fundación homónima e a Xunta de Galicia realizan unha serie de aclaracións. Éstas refírense aos motivos polos cales se incrementou o rozamento deste proxecto (a suba dos prezos e as actuacións imprevistas entre eles) e desvinculan deste proxecto ao marido da conselleira de Familia, Pilar Rojo, que segundo a administración só colaborou na preparación do concurso da Cidade da Cultura en 1999.

- 12:12 13/10/2004
Tags:

1.- As Contas anuais da Fundación Cidade da Cultura de Galicia apróbaas o Padroado e remíteas de inmediato ao Consello de Contas para a súa fiscalización. É dicir, que as contas da Cidade da Cultura de Galicia son perfectamente coñecidas e fiscalizadas polo Consello de Contas.

2.- Os proxectos de obra da Cidade da Cultura de Galicia son elaborados por un equipo de enxeñería e arquitectura, integrado por máis de 30 técnicos, conforme ao deseño do arquitecto gañador do concurso para a execución desta obra, Peter Eisenman.

3.- Unha vez elaborados estes proxectos, a Fundación Cidade da Cultura licítaos de acordo coa normativa obrigada para as fundacións públicas, dándoselle a máxima publicidade.

4.- Aos concursos públicos preséntanse as mellores empresas no eido de obra civil e de edificación, que son valoradas por un equipo de técnicos da propia Fundación Cidade da Cultura e das consellerías de Economía e Facenda e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que os cualifican, propoñendo a contratación de aquelas empresas con mellor cualificación técnica e que ofrecen o menor custo económico. Unha vez proposta a empresa mellor cualificada, a contratación realízase polos conselleiros de Economía e de Cultura.

5.- O proxecto da Cidade da Cultura de Galicia foi aprobado no ano 1999, despois dun concurso de arquitectura no que se elexiu o anteproxecto elaborado polo arquitecto Peter Eisenman. Como é normal en calquera anteproxecto dunha obra tan singular que se execute nun prazo tan longo de tempo, este orzamento inicial increméntase como consecuencia da suba dos prezos tanto de materiais como de execución da propia obra.

6.- Ademais, o proxecto inicial da Cidade da Cultura de Galicia tamén precisou de novas actuacións imprevistas, como a necesidade de pilotar catro dos seis edificios a profundidades que chegan ata os 25 metros, ou a dotación dun sistema de coxeneración enerxética (cuxo custo repercutirá nun aforro considerable do consumo eléctrico na fase de explotación do propio complexo), ou o pago do Imposto de Construccións e Obras e as taxas municipais. Tampouco se contemplaba no anteproxecto o custo do control de calidade da edificación.

7.- A contratación do equipo técnico responsable da dirección das obras está a permitir unha aceleración na execución do proxecto e un control máis exhaustivo do mesmo e supuxo unha minoración do contrato asinado co arquitecto Peter Eisenman.

8.- Neste equipo de dirección de obra non está nin estivo nunca o marido da conselleira de Familia, que non ten ningunha relación de traballo coa Cidade da Cultura de Galicia nin cos equipos implicados no desenvolvemento do proxecto. A única relación desta persoa coa Cidade da Cultura foi a súa colaboración na preparación do concurso de arquitectura, realizado en 1999.

9.- A empresa de seguridade contratada pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia é responsable da vixiancia dos terreos propiedade desta entidade no Monte Gaiás e das dúas obras recepcionadas ata o momento (Galería de Servicios e Torres de Hedjuk). As empresas que están executando obras contan cos seus propios servizos de vixiancia, que en ningún caso dependen da Fundación.

10.- Finalmente indicar que a central sindical CIG tamén se confunde ao afirmar que o presidente do Padroado da Fundación Cidade da Cultura de Galicia é Celso Currás, cando este cargo desemprégao o Conselleiro de Cultura.


0/5 (0 votos)