Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
BOINAS E BIRRETES PACTARON SUBSTITUÍR A PALMOU POR CRESPO EN DECEMBRO

A crise de goberno podería estenderse a Rojo e López Veiga

A crise do Partido Popular de Galiza aínda non está pechada. O pacto para substituír a Xesús Palmou por Xosé Crespo en decembro, á fronte da secretaría xeral, ao que chegaran os dous sectores do partido, tremeu esta fin de semana. O aviso dun posíbel cese de Palmou na secretaría
deixouno escapar Fraga o venres, e foi contestado por unha carta de demisión, non aceptada, do conselleiro de Xustiza e por unhas declaracións de López Veiga cavilando no posíbel abandono á fronte de Pesca.

- 13:46 02/11/2004
Tags:

Ao parecer, nas vésperas do Congreso Galego do PP as dúas partes enfrontadas chegaran a un compromiso sobre a secretaría xeral do partido. O actual secretario, o estradense Xesús Palmou, besta grande dos baltaristas, permanecería no cargo ata outubro de 2005, cando sería substituído por unha figura de consenso: o alcalde de Lalín, Xosé Crespo. Crespo é unha persoa coñecida polos alcaldes polo seu cargo á fronte da FEGAMP, e debería dedicar este ano a prepararse para a secretaría xeral: nomeado vicesecretario xeral no Congreso, sería encargado da preparación da campaña das autonómicas de outubro de 2005.

As razóns polas que Fraga mencionou a posibilidade do cese de Palmou permanecen no escuro, tanto para uns como para outros. En todo caso, e segundo informou El Correo Gallego, Xesús Palmou presentoulle horas despois a súa demisión a Fraga, pero non como secretario xeral do partido, senón como conselleiro de Xustiza, que non foi aceptada.

Unha nova crise de goberno, mes e medio despois da anterior, estaría servida, sinaladamente se teñen razón as fontes que apuntan a que seguirían o camiño de Palmou a conselleira de Familia, Pilar Rojo, e o de Pesca, Henrique López Veiga. O propio López Veiga declarou nunha entrevista a Faro de Vigo que existía esa posibilidade de demisión porque "demitir é un exercicio moi saudábel nalgunhas ocasións", e situou as causas na mellora das posicións do baltarismo. López Veiga cualificou o equilibrio acadado por Fraga no Congreso de "moi moi difícil", e dixo non estar disposto a que ese equilibrio "abale cara ás persoas que xeraron esta crise".

Tamén se opuxeron á demisión de Palmou o presidente do partido, Mariano Rajoy, e mais o secretario xeral español, Ángel Acebes, con declaracións máis ou menos veadas durante a fin de semana. O mércores reunirase o comité executivo do PPdeG, durante o que Xesús Palmou podería ser ratificado ou destituído.


0/5 (0 votos)