Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"APARTHEID" DE 6 MILLÓNS DE PERSOAS EN CONDICIÓNS INFRAHUMANAS

Nogueira denuncia que o muro feito por Israel convirte Palestina "nunha prisión colectiva"

Camilo Nogueira participa dende o 29 de outubro na visita da Delegación da Comisión de Desenvolvimento do Parlamento Europeo a Israel e Palestina mantendo un intenso programa de reunións con representantes de organizacións sociais, políticas e humanitarias de ambos territorios e visitas in situ aos territorios ocupados, ao muro e aos campamentos de refuxiados. Nogueira denuncia a nova versión do apartheid, que pecha aos seis millóns de palestinos que viven nos territorios ocupados e no mesmo Israel.

- 10:58 04/11/2004
Tags:

Destacaron as visitas para coñecer a situación do muro en Xerusalén e Qalqilya, unha cidade de 43000 habitantes nas que a delegación puido comprobar que o muro convirte aos territorios palestinos nunha prisión colectiva e é unha auténtica traxedia que impide todo desenvolvimento da sociedade palestina.

Nogueira denuncia que as intencións do goberno de Ariel Sharon de silenciar, bloquear e separar coa construcción do muro, nunha nova versión do apartheid, que pecha aos seis millóns de palestinos que viven nos territorios ocupados e no mesmo Israel. Para conseguilo, segue varias estratexias e a principal é a construcción do muro invadindo territorio palestino e os check-points que supón unha permanente humillación para cada persoa que o atravesa. Explicou asimesmo que a media por matrimonio de nacimentos en Palestina é de 6 fillos e que polo tanto, resulta incríbel que unha parte da sociedade de Israel e os proprios dirixentes poidan pensar que se pode construir un Estado de Israel con estas medidas de separación.

"Contra calquera proxecto de recoñecemento e criación do Estado palestino, Sharon prefire manter o país no caos" afirmou Camilo Nogueira. A propia retirada de Gaza non forma parte dun plan xeral, senon un paso na criación de bantustáns disminuindo e dividindo o territorio de Cisxordania e facendo imposíbel a criación dun Estado palestino independente. Na decisión de Sharon tamén ten moita importancia o clima de descontento enorme no propio exército israelí no que aumentan cada día día os obxectores de conciencia, que se negan a facer misións en Palestina.

Os palestinos consideran que a última esperanza palestina está na Unión Europea coa criación de medidas contra o apartheid pretendido por Israel e a necesidade de que haxa unha institucionalización da autoridade palestina para que poida acadar un Estado palestino proprio. Os palestinos tamén lle transmitiron a delegación europea os desexos de recuperación de Yasir Arafat.

En relación aos acordos de Xenebra, Camilo Nogueira considera interesante esta iniciativa mais con dificultades de cumplirse porque non partiu de ningún goberno nen ten suficiente respaldo internacional e tampouco ten moitos apoios en Israel.


0/5 (0 votos)