Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DOUS ANOS DESPOIS

O fuel segue nos fondos

Deica dous metros por baixo da area, os fondos mariños galegos seguen enchoupados polo fuel saído do petroleiro Prestige. Son datos do Consello Superior de Investigacións Científicas, apuntados este luns por Joan Albaiges, un dos coordenadores da comisión encargada de estudiar a situación logo da catástrofe.

- 13:27 12/11/2004
Tags:

O CSIC avisa que especialmente os temporais do inverno poderán facilitar que sigan saíndo a tinguir as costas pequechas bolas deste fuel, moi disperso e fragmentado. Os científicos son pesimistas sobre as posibilidades de eliminación destes restos e dous anos despois, aínda está por fixar un novo proxecto que defina con exactitude a cantidade, a localización exacta, así coma os efectos causados nos ecosistemas mariños.

Nunca Máis advirte das eivas e as necesidades en praias, rochedos e fondos mariños. No primeiro caso, advírtese que marisqueiros e mariñeiros veñen retirando chapapote esporádicamente e que existen aínda praias con importante presenza de fuel por baixo do areal. Ao respecto tamén advirten que algunhas actuacións das administracións se realizaron con maquinaria pesada que lle afectou a dunas e lugares protexidos. A necesidade pasa por que as administracións asuman o mantemento de persoal para a recollida sistemática de residuos e por que se traballe na rexeneración dos sistemas dunares.

No que respecta aos fondos, o goberno ten insistido en que xa non hai fuel, información que vén de ser desmentida polos científicos implicados nas investigacións. O único que se limpou sistematicamente foron as illas atlánticas do Parque Nacional e non hai asignacións orzamentarias para seguir estes traballos.

Por outra banda, nos rochedos a aplicación da biorremediación foi moi limitada e debería extenderse a todas as zonas afectadas. Asimesmo, os ecoloxistas teñen denunciado a agresiva limpeza por medio e auga a presión e alta temperatura, que dificulta a fixación dos seres vivos.


Ligazóns

0/5 (0 votos)