A Plataforma cidadá Nunca Máis enviou un comunicado no que considera que o auto da Audiencia Provincial da Coruña polo que se concede un permiso de tres meses ao capitán do Prestige, Apóstolos Mangouras, "é positiva en termos de decisión humanitaria". Nunca Máis lembra que xa manifestara noutras ocasións "o seu acordo e apoio ao capitán Mangouras para que puidese ver a súa familia e voltar ao seu país".
Nunca Máis sempre considerou que foi unha equivocación centrar a responsabilidade da catástrofe no capitán. A plataforma sinala que "se aplicou unha distinta vara de medir entre un presunto responsábel, traballador no mar, e por outro lado, aquelas persoas que xestionaron e dirixiron desde Madrid o rumo do Prestige, responsábeis reais do que aconteceu e que a día de hoxe continúan impunes".