Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
VOOS DE BAIXO CUSTO DESDE LAVACOLLA

Viaxar de Santiago a Londres custará 2,99 euros a partir de abril

A compañía aérea Ryanair establecerá o vindeiro 11 de abril un voo diario entre o aeroporto de Lavacolla, en Santiago, e o de Stansted, en Londres por 2,99 euros, sen taxas. Con elas e máis co prezo do billete de volta, os usuarios poderán viaxar até o 26 de maio á capital británica por uns 15 euros. A compañía comprometeuse a que o resto do ano o billete de ida e volta non superá nunca os 69 euros. Esta nova liña de baixo custo é froito dun convenio entre Ryanair e o concello de Santiago, a Xunta, a Cámara de Comercio e a Asociación de Empresarios de Hostelaría de Santiago.

- 13:48 11/01/2005
Tags:

O presidente da compañía, Michel O'Leary, que presentou esta mañá en Compostela a ruta número 209 de Ryanair, espera que durante o primeiro ano de opracións utilicen este servizo máis de 100.000 pasaxeiros. Tamén sinalou que o anuncio desta nova promoción fixo que xa se teñan confirmadas as 1.000 primeiras reservas para esta ruta, "que resultou ser a de maior éxito de Ryanair en toda a súa historia".

Os voos previstos sairán de Londres ás 11:10 horas e chegará a Compostela ás 14:15. O voo de regreso a Londres sairá 25 minutos máis tarde.

Desde Londres, Ryanair conta con 71 rutas, co que cabe a posibilidade de realizar ligazóns a baixo custo desde o aeroporto británico aos 70 traxectos distantes. Desta forma, pode resultar máis barato voar de Santiago a Girona, vía Londres, que facelo a través das compañías convencionais.

O presidente de Ryanair non desbotou a posibilidade de ampliar "a dous ou máis voos diarios a oferta a Londres se a demanda o pide". Ademais apuntou que estudan establecer unha nova ruta desde Santiago, "para o inverno ou verán de 2006" probabelmente con Alemaña.

A compañía sinalou que só con este voo pode crear 100 postos de traballo directos en Santiago.


0/5 (0 votos)