Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DEBATE SOBRE O TRATADO EUROPEO ORGANIZADO POR TEMPOS NOVOS E VIEIROS

Euroconstitución, razóns para un voto responsábel

Miguel Barros (PSOE), Carlos Aymerich (BNG) e Xosé Lago, da Fundación Galicia-Europa, debullaron durante unha ampla conversa moderada por Luís Álvarez Pousa as razóns para votar "si" ou "non" no referendo sobre o Tratado da Constitución europea. No marco dos que consideran o Tratado como un avance no proceso de construción europea ou os que ven no texto unha deriva cara posicións máis economicistas e menos sociais e democráticas, os lectores de Vieiros participaron no debate a través de varias preguntas que lles foron formuladas aos convidados. Este é un avance de dúas cuestións sobre a posición do BNG e o PSOE respecto do Tratado.

- 11:58 25/01/2005
Tags:

Por que o BNG non entende, como si o fixeron os seus socios, PNV e CiU, que a construción política de Europa é o camiño para afianzar o noso autogoberno, pola vía de debilitar a centralidade do Estado Español? (pregunta de Iván Camba a Carlos Aymerich)

Carlos Aymerich: No caso de CiU, a dirección -sobre todo de Convergencia, o partido máis forte dentro da federación- tivo que dar unha viraxe ao que era unha posición das bases maioritaria a favor do non, por razóns –segundo alegaron- de tradición, a pesar de que teñen críticas enormes, sobre todo, desde o punto de vista nacional, a este tratado constitucional.

No caso de PNV sucedeu algo similar. Inicialmente, no Euskadi Buru Batzar, aprobouse unha posición contraria ao tratado. Josu Jon Imaz e Josu Erkoreta, que é o portavoz do PNV no congreso, elaboraron un documento no que tiveron que aludir á doutrina Aguirre -que, nos anos 50, argumentaba que o nacionalismo vasco tiña que apoiar o proceso de construción europea porque iso ía debilitar o estado e polo tanto favorecer a causa nacional vasca en Europa-. Despois de facer ese enunciado, tiveron que facer un esforzo dialéctico enorme para xustificar o que non está no Tratado, porque este tratado, desde o meu punto de vista -e é o punto de vista que ten moita xente dentro do PNV e dentro da federación de CiU- non é o requiem polos estados senón todo o contrario: reforza os estados e reforza un modelo de Unión Europea claramente estatalista. Hai quen lle chama federalismo intergobernamental, nin sequera dos estados, senón dos executivos dos estados. No caso do BNG, nós non dicimos que non á Constitución europea porque digamos que non a Europa. Nós quereriamos outra constitución que fose avanzando nunha Europa distinta da que vemos que se vai construíndo. Pensamos que se está camiñando cara á desnaturalización desa Unión Europea que debía ser un espazo de máis igualdade social, un espazo cun modelo económico alternativo ao dos Estados Unidos.

Que opinión lle merece o debate longo e profundo sobre o si á Constitución no Partido Socialista Francés? Deuse ese debate coa mesma intensidade no PSOE? De non ser así, a que se debe? (pregunta de Belén Fernández a Miguel Barros).

Entre o Partido Socialista francés e o PSOE, coas súas federacións, hai unha diferencia de grao polo que respecta ao compromiso europeísta. Eu creo que tendemos a facer sempre unha serie de percepcións de determinado tipo de textos en función dunha decisión política case universalmente sentida. Despois de saír dunha ditadura, eu creo que para a inmensa maioría da opinión pública española, estar en Europa canto antes era un obxectivo nacional. Houbo outras cuestións que si suscitaron un profundísimo debate interno no PSOE, como a entrada de España na OTAN (neste caso, o debate incluso chegou até o comité federal e se decidiu que a participación na campaña polo si fose voluntaria). Non é unha carencia democrática da organización socialista neste caso. É unha aceptación global de que as imperfeccións que poida ter este texto, dada a complexidade do obxectivo, xustifica perfectamente o noso voluntarismo de empuxar un referendum, no que o PSOE está absolutamente embarcado (non xa só o goberno, senón o PSOE como tal). Neste caso, o moderno PSOE era afervoadamente europeísta. Xa o era anteriormente, como o teño comprobado eu, coa lectura das actas do PSOE no exilio.


0/5 (0 votos)