Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OPOSITORES PREPARAN MOBILIZACIÓNS

A CIG presenta denuncia polas irregularidades nas oposicións

"Será que aínda non son corrupta abondo? Será que vivo nun país multicolor coma a abella Maya?", pregúntase unha moza nun foro internáutico para opositores. As posíbeis manipulacións nas oposicións convocadas pola Xunta volven ao primeiro plano. Persoas vencelladas a concellos do PP, relacionadas coa consellería de Familia ou nomes de confianza de altos cartos da administración, ás que presuntamente se lles tería filtrado o contido dos exames, motivan a queixa.

- 10:51 04/02/2005
Tags:

A CIG presentou denuncia fronte á fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, para que se proceda á investigación das posíbeis filtracións de exames nas oposicións do pasado 19 de decembro. Anteriormente, o PSdeG pediu a comparecencia do conselleiro de Presidencia para explicar o acontecido. O voceiro de administración pública do PSdeG no Parlamento, Pablo López Vidal, advertiu sobre a "falta de transparencia e de limpeza no proceso selectivo".

López reclamou que a Xunta presente as "conclusións do proceso investigador, que supoñemos iniciado pola Consellería" sobre o cumprimento dos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade no proceso selectivo", advertindo das queixas recibidas por irregularidades no proceso por parte dun vocal do Tribunal que cualifica os exames sobre o posíbel acceso dalgúns opositores ás preguntas do exame.

Ao respecto recomendámoslles dar unha volta polos foros da rede onde, por exemplo, un indignado opositor conta a súa particular investigación: logo de buscar a listaxe de aprobados, accesíbel na web da Xunta, coller ao azar varios DIs das notas máximas e buscar referencia no resto de exames, concluíu a existencia de persoas con notas máximas en exames do grupo E que non pasaban do cinco no grupo D, con temario menor. Segundo a interpretación deste internauta, a única explicación sería que no exame máis difícil estes alumnos contasen con axuda "extra".

Non é a primeira vez que este tipo de acusacións se producen. No verán do 2003, e logo do escándalo polo défice organizativo do exame para o grupo D de funcionarios da administración autonómica, a oposición parlamentaria pedía explicacións polos procesos de oposición impugnados e pendentes de resolución xudicial na relación de oferta de emprego público e moi concretamente, polo caso dun tribunal de oposicións ao grupo A no que un tribunal presidido polo Secretario Xeral da Consellería da Presidencia, Pablo Figueroa, lle daba as cinco mellores notas a opositores cunha relación de parentesco directo con altos responsábeis do PP que ocupaban daquela ou ocuparan en datas recentes, algún cargo relevante na Xunta.


0/5 (0 votos)