Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Cartafol

Xestionado por Héitor Mera
RSS de Cartafol
Enrique Vázquez Pita: O ouro de Agrícola

A Galicia romana

O ouro de Agrícola
Enrique Vázquez Pita
Edelvives-Tambre, Santiago, 2004. 253 páxs., 8,30 €


A medio camiño entre a novela histórica e a novela xuvenil, o autor presenta a intrahistoria da Galicia romana dun xeito novidoso, pois estamos afeitos a ver a romanización desde a perspectiva dos beneficios que lle proporcionaou a Galicia —a latinización, a construción de calzadas e outros edificios, a transmisión da técnica e da cultura grecolatina—, pero non a considerar que realmente Roma espoliou os recursos galegos, coma o ouro de Monte Furado, estragou a nosa paisaxe ou escravizou centos de galegos para traballaren nas súas obras públicas e minas.

- 21:06 13/02/2005
Tags:

Como adoita ocorrer nos relatos xuvenís, a narración é unha novela de protagonista. Severo é un liberto romano, descendente posiblemente dunha galega que traballaba escravizada nas minas de ouro do Monte Furado, que ten que vir investigar unha posible fraude no ouro que desde Galicia se envía a Roma. É un personaxe que nos cae ben, porque aproveitou as oportunidades que lle ofreceu a familia de Plinio o Vello e Plinio o Novo para conseguir unha formación, que non se limita a aprender a ler, senón que estudou os principios do dereito romano e a filosofía e arte de razoar dos sofistas gregos.

Severo actúa como un investigador que vén a Galicia para pescudar nunha fraude de ouro nas minas de Monte Furado e que ía destinado á facenda romana. Pero non é un home de acción, senón un home de pensamento. Descobre os que realizan a fraude grazas a súa capacidade dedutiva. Por outra banda, cando ten que elixir entre a súa honradez de cidadán e facerse rico, quedando con parte do ouro cuxa desaparición investiga, cégao a paixón do ouro, e pensa en coller a súa parte e facerse rico. Non é, así, un personaxe plano. Esta loita que se produce entre deber e avaricia é un dos acertos da novela. O novelista resolve ben a loita: á fin, Severo non consegue o ouro, pero queda contento, porque acadou a honra e cumpriu coa familia que o protexeu e con Roma.

Acerto do novelista é recrear a intrahistoria ou vida miúda tanto en Roma, capital do Imperio, coma na afastada provincia de Galicia. No caso galego, como xa indicamos, dá unha visión ambivalente e realista da romanización, pois se é certo que os romanos trouxeron as súas técnica e cultura, tamén é verdade que non o fixeron por altruísmo, senón que, como todo imperio, viñeron a Galicia para facerse co seu ouro, cos seus cabalos e ata cos seus habitantes, para os utilizaren como soldados, escravos nas obras públicas ou, cando menos, pagadores de impostos.

As descricións, ás veces prolixas, fan que o argumento perda interese, mesmo que se faga aburrido e que só pareza un pretexto para facer unha recreación histórica da Galicia romana. Custa por iso, en ocasións, seguir a lectura, e máis pode custarlle a un lector xuvenil.

Nestes tempos de exaltación de heroes violentos e que triunfan pola forza, o protagonista da novela consegue os seus obxectivos, mesmo case facerse co ouro que lle tenta roubar ás lexións romanas que o transportan coa simple axuda duns lexionarios e gladiadores vellos e retirados, grazas á súa intelixencia e capacidade dedutiva, nunca pola forza bruta nin a violencia. Mesmo os compañeiros seus que usaron a forza perecen e el logra salvarse da persecución das lexións, unha vez fracasado o roubo do ouro, mercé á súa intelixencia.

En canto á corrección e riqueza lingüísticas, sempre moi dignas de terse en conta nunha novela dirixida a un público xuvenil e escolar, hai que salientar o coidado posto polo autor e a editorial en conseguir un galego correcto e rico como se amosa na boa e enxebre fraseoloxía utilizada, no emprego do infinitivo conxugado ou no intento de construír uns diálogos que reproduzan a lingua oral espontánea, pero correcta. Non obstante, hai algunhas grallas, poucas, que sería doado evitar en próximas edicións como utilizar xunguir co significado de ‘unir’, talla no canto de talle, algúns empregos incorrectos da preposición a con complemento directo, o emprego de diadema como feminino por castelanismo, algún caso de lle por lles ou o poderíamos e o úneco da páxina 103.

Xa que logo, novela moi útil, especialmente para o alumnado de Cultura clásica e Latín do noso ensino secundario e medio, que poden ver cal foi a acción de Roma en Galicia, cos seus aspectos positivos, pero tamén cos negativos, que supón toda pertenzaa un imperio.


0/5 (0 votos)