 
 
O conselleiro de Pesca, Henrique López Veiga, asegurou que o efecto da marea negra do Prestige foi menor que o que causou o accidente do Mar Exeo, grazas á decisión do daquela director xeral da Mariña Mercante, López Sors, de afastar o petroleiro. Para López Veiga, conducir o Prestige a un porto "podería inhabilitar a pesca galega durante varios anos, con gravísimas perdas neste e noutros sectores en amplas zonas de Galiza". Tamén asegurou que volvería actuar como o fixo durante o Prestige, ou sexa, "colaborar lealmente e calar o que hai que calar, para non poñerse de lado do Fidac. Poñerme co inimigo, nunca", en referencia á demanda presentada por Nunca Máis no xulgado de Corcubión.
Na súa comparecencia perante a comisión de investigación do Prestige, o conselleiro de Pesca comparou os efectos sobte os recursos pesqueiros do Prestige cos do Mar Exeo, que en 1992 embarrancou fronte á Torre de Hércules, verquendo 71.000 toneladas.
O conselleiro lembrou que a zona de Mugardos, As Pías e a Ría de Ferrol e os seus recursos pesqueiros e marisqueiros quedaron "bastante máis afectados" por este verquido que o que causou o fuel do Prestige.
Nesta liña, López Veiga apuntou que algunhas especies, como o polbo, desapareceron ese ano polo Mar Exeo, mentres, pola contra, no caso do fuel do Prestige os efectos sobre as especies "está sendo mínima" e "non se rexistraron en ningunha delas índices de mortandade superiores aos normais".
O conselleiro asegurou que 2004 foi o ano "máis abundante" desde 1998 en cefalópodos e mariscos, entre os que puxo o exemplo do percebe, a centola e a nécora. "Digo o que hai e que cada quen tire as súas consecuencias", engadiu.
Un paquete de medidas para a UE: Prestige 1
López Veiga, propuxo tamén que a Unión Europea lexisle un novo paquete de medidas, o "Prestige 1", para evitar  accidentes  como  o  do  Prestige.  O  conselleiro  defendeu esta iniciativa durante a súa comparecencia na Comisión de Investigación do Parlamento de Galicia sobre o Prestige.
 "Os  cidadáns  galegos  esperan  desta Comisión unha discusión serea. Trátase  de mirar o futuro", asegurou López Veiga. Segundo o conselleiro, o  paquete de medidas que debería lexislar a UE  tería que incluír, entre outros puntos:
- Aumento  das  esixencias  ás  aseguradoras  do  armador  para  que respondan  cunha  póliza  de  alomenos  1.000  millóns  de  €,  os custos medioambientais que se estiman para o Prestige
- Regular unha nova política da Mariña Mercante na UE para evitar as bandeiras da conveniencia
- Supervisión da competencia das tripulacións
- Creación dun sistema europeo de vixilancia e sanción dos vertidos
- Elevación a nivel europeo das medidas adoptadas unirateralmente por España, Portugal e Francia
- Formalización  de  instrumentos  financeiros  áxiles  na  UE  para compensar ós estados que sofren estas catástrofes
- Regulación  dos  portos de refuxio na UE incluíndo o financiamento compensatorio para as areas que alberguen estes portos
- Deseño  dun  sistema  rápido  para  calcular  os  custos dos danos medioambientais e socioeconómicos
Xestión "correcta" da crise
Por outra banda, López Veiga explicou a actuación do seu departamento durante  a  crise  causada  polo  petroleiro.  López  Veiga cualificou de "correcta"  a xestión da crise do Prestige; aínda que recoñeceu que, como todo,  pode  ser  mellorada.  O conselleiro reafirmou a vontade de seguir informando  "con  total transparencia" sobre o acontecido. Neste sentido, Veiga deu a coñecer hoxe que durante os primeiros días da crise "atendeu persoalmente e en repetidas ocasións" as peticións de información realizadas por deputados autonómicos de partidos da oposición.
 
No  referido  ás  axudas  directas ó sector pesqueiro polo parón da actividade,  Veiga  asegurou  que as axudas superaron ós 115 millóns de € para 20.162 persoas. O conselleiro destacou a rapidez destas subvencións, que  foron reguladas incluso antes de que chegaran as primeiras manchas á costa.
A  Xunta  de Galicia estableceu un sistema paulatino de reapertura da actividade  pesqueira  que  permitiu que os productos galegos volvesen os mercados  con  bos  prezos e sen incedentes. Sobre a situación actual dos recursos  pesqueiros López Veiga insistiu en que "fan falla cando menos tres anos  para  poder considerar se houbo ou non danos, aínda que os síntomas hoxe son positivos".
                         
Competencias
Canto á xestión do accidente e a  loita contra a contaminación, o conselleiro  indicou que son competencias exclusivas do Estado. "Na loita contra  a  marea negra a Xunta actuou como colaboradora da Administración Central"  indicou Veiga, para que este reparto competencial segue sendo o máis adecuado.
O  conselleiro afirmou que  é imposible conter totalmente unha marea  negra.  "Non se lle pode inculcar a idea á sociedade -como se fixo insistemente  no caso do Prestige- que unha marea negra se produce ou non dependendo  de  como  se xestiona o accidente, porque a única marea negra que  se  contén é a que non se produce". En todo caso, López Veiga expuxo que o Prestige foi o accidente no que se  reuniron máis medios internacionais  anticontaminación.  Sobre  o  cambio  de  rumbo do buque, Veiga   indicou que "non foi unha boa idea" e informou  que a responsabilidade  deste cambio foi da empresa de rescate contratada polos armadores.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto