Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FORO DO NOVO ESTATUTO

Propoñen que os poderes públicos galegos garantan a cohesión social

Impulsar a solidariedade social, asegurar a igualdade de oportunidades e promover a loita contra a pobreza e calquera clase de marxinación debe ser obxectivos que impregnen toda a acción institucional dos poderes galegos. Esta característica trasversal das políticas de cohesión social é unha das principais propostas do relatorio que sobre este asunto presenta o Foro do Novo Estatuto. No documento vencéllanse as políticas sociais á "construción dunha auténtica democracia solidaria e igualitaria, isto é, a institucionalización dun réxime avanzado de liberdades e dereitos políticos, económicos e sociais postos ao servizo da igualdade e a solidariedade".

- 18:43 24/02/2005
Tags:

Como lembran os autores do relatorio, a pesar da considerábel capacidade de autogoberno que ten na actualidade Galiza sobre políticas sociais, a actual acción da Xunta neste terreo "está pexada polo seu nesgo asistencialista, o seu limitado enfoque comunitario e a súa preferencia por políticas pasivas". Ademais, detéctase unha excesiva fragmentación e falta de coordinación entre as institucións e organismos encargados da acción social por parte dos poderes públicos de Galiza, a ausencia dun modelo territorial para artellar razoabelmente os servizos sociais e a escasa participación dos colectivos e dos axentes comunitarios no deseño das políticas sociais.

Compromisos dos poderes públicos galegos
Por todo isto, o relatorio propón unha serie de compromisos que se deberían reflectir no articulado do Novo Estatuto, encamiñados a que os poderes públicos de Galiza garantan para todos os cidadáns, sen excepcións, o exercicio dos seus dereitos. Estes compromisos abranguen a necesidade de que, neste ámbito, as políticas sexan co-participadas entre os axentes sociais e os poderes públicos, a garantía da igualdade de oportunidades para participar na vida política, social e económica e a extensión dos servizos públicos a todos os galegos e galegas, a os residentes en Galiza e a todos os galegos e galegas residentes no exterior.

Isto tradúcese en que os poderes do autogoberno galego deben "garantir o acceso os servizos públicos educativos, sanitarios e de benestar social personalizados, con calidade de atención e capacidade de resposta ás necesidades sociais das persoas maiores, a infancia, as persoas con discapacidades e aos grupos en situación de risco e vulnerabilidade social, e o desenvolvemento de todos aquelas outras accións sociais que permitan o acceso a un traballo digno e estable, á vivenda, á cultura e á convivencia cidadá".

Os relatores propoñen tamén que se explicite no Novo Estatuto que "corresponden a Comunidade Autónoma de Galiza con carácter exclusivo as políticas públicas de cohesión social".


0/5 (0 votos)