Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FORO NOVO ESTATUTO

A proposta de Estatuto do Foro define a Galiza como unha nación que pacta co estado

A proposta elaborada polo Foro Novo Estatuto define a Galiza como nación, recoñécelle ao Pobo galego o dereito a definir a súa relación co estado español e coa Unión, obriga o coñecemento do galego ou sitúa no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza o teito do dereito procesal. As bases para unha reforma estatutaria elaboradas por un grupo de técnicos e intelectuais liderados por Paulo González Mariñas, Xosé Luís Barreiro Rivas ou Ramón Villares propoñen un autogoberno para Galiza como nunca tivo na súa historia moderna.

- 04:03 26/02/2005
Tags:

O Estatuto define un marco moderno para Galiza, con remarcábeis aspectos dedicados á protección do ambiente, á I+D, a agricultura ecolóxica, ou aos dereitos da muller. Pero tamén é un texto ambicioso que situaría as competencias galegas no seu máximo histórico, e que sinala que Galiza é unha nación "que se integra libre e paccionadamente como comunidade autónoma na estrutura política plurinacional do Estado español". A cabeza máis visíbel deste proxecto, o avogado coruñés e ex-conselleiro Paulo González Mariñas, sinala as "motísimas diferenzas" que existen respecto do documento de Bases presentado polos socialistas galegos, pero tamén atopa neles "achegas positivas".

Iso si, moitos destes avances obrigarían a reformar a Constitución, e a facelo loxicamente cunha intensidade maior cá dos retoques funcionais que prepara o goberno Zapatero, e mesmo a modificar o Tratado Constitucional europeo. Estes cambios serían necesarios en temas de soberanía, competencias exclusivas, lingua ou no propio financiamento público.

De prosperar este texto, serían galegos "as persoas con veciñanza administrativa en Galiza". A cidadanía galega podería herdarse e non se perdería por modificar a veciñanza se a persoa non quere. Ademais, recoñece estatutariamente a necesidade de fomentar o vencellamento social, económico e cultural cos membros das colectividades galegas no exterior, e o dereito das institucións galegas a asinar convenios asistenciais directos con entidades estranxeiras para a protección dos galegos e galegas do exterior.

Entre as principais novidades está a organización territorial de Galiza en comarcas rurais e áreas urbanas, a concentración de concellos, ou a posibilidade de que se incorporen "voluntariamente" á comunidade autónoma os territorios de fala e cultura galega de Asturias, León e Zamora. Por outra parte, sitúa como dereito fundamental o de facer unha vida integramente en galego ou sinala a obriga de coñecer o galego, xa aprobada por todas as forzas políticas galegas en 1983 e rexeitada posteriormente polo Constitucional.

En canto a competencias, a máis rechamante é a de rematar todos os procesos galegos no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, agás no disposto en materia de garantías constitucionais, de xeito que asome todas as competencias da Audiencia Nacional. Pero taméns e lle recoñecen competencias exclusivas a Galiza sobre portos, aeroportos, augas fluviais e a súa explotación, salvamento marítimo, dominio de intenet propio ou protección de datos. Con respecto ao financiamento, o proxecto de Estatuto propón un modelo de corresponsabilidade fiscal incardinable no sistema español e europeo co obxectivo de conseguir a medio e longo prazo unha autonomía financeira e tributaria.

Como outros aspectos atópase o reforzamento da democracia participativa, o dereito á información veraz e contrastada, o dereito a axudas necesarias para mercar ou alugar unha vivenda digna, a igualdade ante a lei "sexa cal sexa a orixe, raza, xénero, crenzas, orientación sexual ou estado civil", ou o dereito a unha morte digna. Ademais recoñécese a lexitimidade da acción exterior galega, para o que se crearía un servizo propio. así como a presenza de Galiza nos "foros internacionais onde se vexan afectados os seus intereses e competencias".


0/5 (0 votos)