Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INICIATIVA CONTRA A "BIOPIRATERÍA"

Carballos e toxos patentados?

"Árbore libre" é un dos nomes que na India lle dan a unha especie natural á que os labregos lle veñen dando variados usos dende hai centos de anos. Hai xa máis de dez anos, unha multinacional estadounidense, logo de ver as súas potencialidades comerciais, patentou ao seu propio nome a semente extraída desta planta. A Oficina Europea de Patentes vén de retiralle esa autorización, creando un importante precedente na loita contra o que os ecoloxistas cualifican de "biopiratería".

- 12:21 11/03/2005
Tags:

A mesma oficina, concedéralle en 1994 a patente á multinacional do sector químico estadounidense WR Grace, especialmente interesada en explotar en exclusiva as propiedades funxicidas da semente desta especie. A "árbore libre" ou "árbore de Neem" é unha especie tropical que pode vivir máis de douscentos anos e medrar deica os 30 metros. Orixinaria da India, aínda que agora introducida en noutras áreas asiáticas ademais de en África ou América, a sabedoría tradicional leva séculos facendo uso das súas propiedades. Algunhas das súas aplicacións prácticas están na menciña, veterinaria ou na cosmética e destaca o seu uso coma repelente de pragas e insectos.

Os colectivos presionan para que se prohiban as patentes sobre recursos vivos e prácticas tradicionais e subliñan que a maioría de recursos vivos susceptíbeis de seren explotados comercialmente veñen de países en vías de desenvolvemento e que a aplicación deste tipo de patentes vai unida ás restriccións que a continuación se lle impoñen ás propias comunidades locais para o uso dese coñecemento tradicional.

"É preciso pararlle os pes a estes biopiratas que só busquen incrementar beneficios a costa da saúde e o benestar dos máis desfavorecidos", opina o eurodeputado David Hammerstein. Dende Ecoloxistas en Acción teñen denunciado que o caso da árbore de Neem "é tan só un caso dunha longa lista de recursos xenéticos autóctonos do Sur sobre os que as multinacionais están impoñendo dereitos de propiedade intelectual". Os ecoloxistas denuncian que ese sistema de patentes "é o mecanismo a través do cal se está operando unha transferencia masiva de riqueza biolóxica e intelectual dende o Terceiro Mundo cara o Norte".


Ligazóns

0/5 (0 votos)