Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COMUNICADO DUN GRUPO DE PROFESORES DA ESCOLA DE ENXEÑEIROS TÉCNICOS FORESTAIS DE PONTEVEDRA

Científicos da Escola de Forestais da Universidade Vigo en contra da permanencia de ENCE en Lourizán

Un grupo de investigadores e científicos da Escola de Enxeñeiros Técnicos Forestais da Universidade de Vigo asinaron un comunicado en contra da permanencia da actividade industrial de ENCE nos actuais terreos de Lourizán máis alá de 2018, o prazo máximo legal. Os profesores apostan no escrito por un desenvolvemento forestal diverso e sustentábel, por unha silvicultura ecolóxica que vaia alén da función produtiva do monte. "As plantacións de eucaliptos son necesarias do mesmo xeito que necesitamos plantar patacas ou millo. Sen embargo non son nin bosques nin producen ningún dos beneficios que os bosques proporcionan á sociedade. Que non intenten vendernos gato por lebre", aseguran.

- 09:25 18/03/2005
Tags:

COMUNICADO DUN GRUPO DE CIENTÍFICOS E INVESTIGADORES DA ESCOLA DE ENXEÑEIROS TÉCNICOS FORESTAIS DA UNIVERSIDADE DE VIGO SOBRE O FUTURO DE ENCE EN LOURIZÁN

"Nós, a maioría dos científicos e investigadores da Escola de Enxeñeiros Técnicos Forestais da Universidade de Vigo, queremos manifestar públicamente a nosa postura ante a situación creada polo apoio empresarial e dalgúns sindicatos á permanencia da actividade industrial de ENCE no actual emprazamento de Lourizán mais aló de 2018, que é o prazo máximo legal. Este apoio baséase exclusivamente na suposta riqueza xerada pola empresa, que miden de maneira pueril como equivalente ao número de postos de traballo. Moitas actividades ilícitas ou insalubres producen postos de traballo, mais iso non é un argumento válido para permitilas. De feito non é casualidade que os máis fervorosos "axentes de ENCE" vivan ben lonxe da factoría, en Santiago ou Coruña. En Pontevedra, todos sabemos o que é "A cheirenta".

1. Canto ás reivindicacións dos traballadores do sector da celulosa, solidarizámonos coa necesidade, no noso contorno, de postos de traballo dignos e con retribucións xustas no sector forestal, pero tamén no marisqueiro, turístico, e outros que son fundamentais na nosa bisbarra. Moitos deles vense seriamente afectados polo absurdo emprazamento de ENCE en Lourizán-Praceres (qué ironía do destiño, un lugar tan fermoso que tería que ser un pracer, convertido nunha zona pestilente).

2. Como científicos manifestamos que non existe consenso na nosa comunidade sobre a inocuidade ou o pouco dano das emisións da papeleira, salientando que as evidencias apuntan precisamente ao contrario. Non hai que olvidar que ENCE xa foi condenada por delicto ecolóxico continuado.

Queremos lembrar ademáis que a financiación empresarial das investigacións (como ocurre no caso de ENCE e a nosa Universidade) é observada con gran recelo na comunidade científica internacional. Os resultados de tales investigacións únicamente son aceptados logo dunha pormenorizada análise e discusión, e iso sólo se consigue se son publicados nos foros adecuados (revistas científicas e congresos internacionais de prestixio).

3. Como docentes preocúpanos o futuro dos nosos estudiantes en tanto que cidadáns e profesionais. Dende hai máis dun ano funciona na web da EUET Forestal unha bolsa de traballo dixital, na que hai 15 empresas rexistradas (a 16 de marzo de 2005). Nin ENCE nin NORFOR manifestaron o seu interés por contratar aos nosos titulados a traverso desta ferramenta (seguro que despois deste escrito aparecerán "por arte de maxia" na lista). E posto que ENCE non é, nin de lonxe, a principal canteira de emprego para eles, apostamos por un desenvolvemento forestal diverso e sostible. Isto é coñecido internacionalmente como "Ecoforestry", é dicir Silvicultura ecolóxica. As plantacións de eucaliptos son necesarias do mesmo xeito que necesitamos plantar patacas ou millo. Sen embargo non son nin bosques nin producen ningún dos beneficios que os bosques proporcionan á sociedade. Que non intenten vendernos gato por lebre.

4. Como cidadáns queremos expresa-la nosa ledicia por vivir nun país democrático no que a xente pode manifestarse, como ocurrirá o día 18 de marzo, e xa aconteceu noutras ocasións. A represión gubernativa cando a erección de ENCE é historia pasada e nestes anos de chapapote e guerras polo petróleo aprendimos a levarlle a contraria ao poder. O venres o poder dos cartos e algunha xente van pasear do brazo. ¡Alegrámonos por isto! e esperamos o mesmo sentimento no futuro.

Como cidadáns tamén queremos amosa-la nosa preocupación pola participación na extensión do complexo de ENCE de empresas con historial delictivo ou de graves neglixencias de seguridade (caso de Georgia Pacific, para máis detalles ver
aquí), porque a terra é nosa e temos a obriga de legala en bo estado aos nosos fillos. Nisto consiste o desenvolvemento sostible, algo do que falan moitos políticos, pero que lamentablemente ignoran, ou o que é peor, pervirten para favorecer os seus amigos. A apropiación de recursos públicos para intereses privados lémbranos os versos de Neruda,

"No, aire,
no te vendas,
que no te canalicen,
que no te entuben,
que no te encajen
ni te compriman,
que no te hagan tabletas,
que no te metan en una botella".

Só habería que engadir, que non te use ENCE…"

Asinado:
Adolfo Cordero Rivera, Catedrático de Ecoloxía,
Carlos Alonso, Investigador Parga Pondal
Francisco Botana, Titular de Universidade,
Pío González, Titular de Universidade,
Milagros Izquierdo, Titular de Escuela Universitaria,
Mª Eugenia López de Silanes, Titular de Universidade,
Purificación Marcet, Titular de Universidade,
Carlos Souto, Titular de Universidade


0/5 (0 votos)