Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DOUS CANDIDATOS PRESENTADOS POR CHILE E MÉXICO

Loita estratéxica en América co relevo da presidencia na OEA

O eixo conformado por Brasil, Arxentina e Venezuela xa anunciou que lle dará o seu apoio ao candidato chileno, o ministro de Interior José Insulza, para a presidencia da Organización de Estados Americanos. Os 34 Estados membros deberán escoller entre este ou o chanceler mexicano Ernesto Derbez, logo que o terceiro na carreira polo cargo e favorito dos EEUU, o ex presidente do Salvador, Francisco Flores, decidise retirar candidatura.

- 09:42 11/04/2005
Tags:

A OEA decidirá este luns en asemblea extraordinaria quen substitúe ao costarricense Miguel Ángel Rodríguez, quen tivera que demitir para darlle resposta ás acusacións de corrupción xurdidas no seu país.

A falta de apoio no ámbito centroamericano tería sido decisivo para que o ex presidente salvadoreño optase pola renuncia á secretaría xeral da OEA, malia o apoio co que contaba dende a administración Bush. As preferencias estadounidenses dirixiríanse agora cara o candidato mexicano, considerado ideoloxicamente máis próximo ás súas posicións fronte ao ministro do goberno socialista chileno.

O goberno chileno asegurou que conta xa co apoio de cando menos 18 países, o mínimo necesario para que Insulza asuma o cargo. Ademais de Arxentina, Brasil e Venezuela, outros apoios para o chileno virían de Uruguai, Ecuador, e da ducia de votos da comunidade de Estados do Caribe.

Anteriormente sempre fora escollido para o posto o candidato apoiado polos EEUU, país que achega 60 millóns de dólares sobre o total de 70 millóns de orzamento desta institución.


0/5 (0 votos)