Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
TEXTO DA CARTA

Carta de Beiras a Quintana onde anuncia a súa demisión

Texto da carta enviada por Xosé Manuel Beiras a Anxo Quintana onde lle comunica a súa demisión como presidente do Consello nacional do BNG.

- 19:09 11/04/2005
Tags:

"AO PORTAVOZ NACIONAL DO BNG.

Pola presente comunícoche a miña decisión de non seguir a desempeñar nen ostentar o cárrego estatutario de Presidente do Consello Nacional do BNG. Procedo a formalizar a miña renuncia perante o próprio C.N. meiante a remisión do correspondente escrito a todos e cadaún dos membros dese máximo órgao colexiado de representación e decisión do BNG entre Asembleas nacionais. Como é natural, esta renuncia non atinxe á miña condición de simples membro do C.N. elexido polo plenario da última AN celebrada.

As normas estatutarias introducidas na XI AN para a criación da Presidencia do C.N., e máis as do Regulamento que as desenvolven, perfilan as funcións dese órgano unipersoal con tres atribucións cardinais: máxima representación interna e externa; garantir a adecuación da acción política ao proxecto estratéxico; facer cumprir as disposicións estatutarias velando polo funcionamento da organización conforme cos principios que a informan. A maneira en que a direición do BNG entendeu a prática desas funcións, diverxente da miña propria leitura das normas que a establecen, conducíume á imposibilidade de exercer sen conflitos as atribucións do cárrego que ostento. Non vou entrar en pormenores nen relatos innecesarios de feitos. Recentes episodios no proceso de elaboración de candidaturas ás vindeiras eleicións corroboraron definitivamente a colisión entre a interpretación da legalidade interna do BNG pola Comisión Executiva e pola Presidencia do C.N., e mesmo a reiterada falta de respeito a ese cárrego institucional e descalificación pública de quen o ostenta e tentou até agora exercelo en defensa do esprito e a letra das nosas disposicións estatutarias. Neste senso, é falso que no último C.N. eu teña asumido as acusacións das que fora obxeto tanto interna coma públicamente por parte da Comisión Executiva.

No tocante á miña persoal inclusión ou non nas candidaturas para as vindeiras eleicións ao Parlamento de Galiza, quero que a Comisión Executiva se considere liberada do compromiso explícitado no apartado B) do punto 5 da documentación por ela remitida ás asambleas comarcais o pasado 29 de marzo, no sentido de que "o Presidente do C.N. (...) ocupe un lugar destacado nas candidaturas" e da "inclusión de Xosé Manuel Beiras no posto e circunscrición que el considere conveniente". Non considero conveniente ningún posto. Portanto, considerate ti tamén persoalmente relevado de calquer compromiso coa escolla que eu fixera e che comunicara verbalmente o domingo 3 de abril, consistente en ocupar o segundo posto na candidatura por Pontevedra. Dixen no último C.N. que sempre considerara estar, e púñame explícitame outravolta, en mans do conxunto do BNG. Mesmamente para ser congruente con iso renuncio á Presidencia do C.N. e a calquer proposta da C.E. para a miña inclusión nas candidaturas eleitorais".

Santiago de Compostela, 11 de Abril do 2005.

Asdo.: Xosé Manuel Beiras Torrado
.


0/5 (0 votos)