Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O BNG INICIA A CAMPAÑA "GALIZA VAI SABER A VERDADE"

Quintana asegura que non vai esperar por Beiras

"No BNG non sobra ninguén, pero tampouco se pode esperar por ninguén". Así respondeu o portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, ás preguntas sobre as consecuencias da renuncia de Beiras á presidencia do Consello Nacional do Bloque e as críticas sobre o seu liderado e o control da UPG. "Son opinións de Beiras; enténdoas así e respéctoas", afirmou. Ademais insistiu en que "non vai perder nin un minuto en ningunha outra cuestión que non sexa gañar as próximas eleccións. Neste sentido, o BNG presentou a súa campaña "Galiza vai saber a verdade" sobre a postura do Bloque en relación coa polémica entre o PPdeG e o goberno español sobre infraestruturas.

- 16:07 18/04/2005
Tags:

Quintana aproveitou a súa comparencia ante os medios tras a xuntanza dos luns do comité de dirección do Bloque para "felicitar" aos membros do Consello Nacional que, segundo el, "deron unha lección de responsabilidade e madurez" que é "o que pedía a militancia".

O portavoz nacional do BNG tamén insistiu en que o BNG debe mandar "mensaxes claras á sociedade". "A miña mensaxe é clara: vou seguir o meu camiño: renovación e cambio para Galiza e para o BNG", dixo, ao lembrar que ese é "o camiño" que marcou a XI Asemblea do Bloque.

Nova campaña do Bloque
Neste sentido, a campaña que vai iniciar o BNG baixo o lema "Galiza vai saber a verdade" ten, segundo a formación nacionalista, un triple obxectivo: "explicar a proposta nacionalista sobre o Plano Estratéxico de Infraestruturas e Transporte, difundila para recabar o apoio da sociedade e acabar co espolio de fondos públicos por parte do PP en campañas partidistas de propaganda".

"Faremos a nosa proposta como un exercicio de veracidade, de compromiso co país e de responsabilidade, porque hai que deixar atrás o oportunismo e as manifestacións grandilocuentes, ás que nos teñen acostumado o PP e o PSOE, e ir a unha proposta seria, críbel e que dea resposta ás necesidades que Galiza ten", explicou Quintana.

O portavoz nacionalista explicou que a campaña de mobilización social do BNG "quere dicir interrelación con todas as comarcas, traslado da nosa proposta a sociedade, activar todo o tecido social para que coñeza a proposta e podamos facer corpo común. Fraga falaba de mobilización, que saiba que a vai ter, pero vaina protagonizar o Bloque Nacionalista Galego en beneficio da veracidade e non da propaganda", recalcou.

Quintana tamén anunciou a presentación de diversas iniciativas parlamentarias "que permitan coñecer a cargo de que partida orzamentaria se está a financiar esta campaña, a que compañía publicitaria foi adxudicada e se foi obxecto de publicación no DOGA".

Para o líder nacionalista, esta campaña non impedirá a chegada dun novo Goberno que espera presidir e que, adiantou, "vai auditar todas as contratacións irregulares e o desvío de fondos públicos que o PP está a facer neste último ano con fins electoralistas. Fraga e o PP terán que responder dun uso fraudulento dos recursos de todos os galegos".


0/5 (0 votos)