Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PRESIDENTE DA XUNTA ASINA OFICIALMENTE O DECRETO QUE CONVOCA ELECCIÓNS

Peche de lexislatura entre acusacións dos partidos

"O candidato socialista é un simple delegaducho do PSOE en Galiza", acusou esta fin de semana a Touriño o coordinador de campaña do PPdeG, Xosé Crespo, mentres o secretario xeral do partido, Xesús Palmou, recoñecía a importancia estratéxica que para a chegada de Rajoy á Moncloa ten a victoria do PP en Galiza. Dende o BNG, Quintana insistía na necesidade dun debate televisado dos candidatos e polo PSdeG, Touriño criticaba que Fraga "se adique a unir trozos do partido no canto de traballar por Galiza".

- 07:00 25/04/2005
Tags:

Nos micrófonos da Radio Galega, o presidente da Fegamp e vicesecretario xeral do PPdeG, Xosé Crespo, insistiu en cualificar ao secretario xeral dos socialistas de "incapaz de sair na defensa do interés dos galegos". Crespo opinou que o "desfile de ministros do goberno central" tería entre as súas explicacións "a incapacidade de gañar as eleccións e a pouca confianza no seu candidato, que non pode gañar sen que o reforcen dende Madrid".

Crespo defendeu que "Fraga é máis necesario ca nunca para Galiza e España" e afirmou que o actual presidente da Xunta é o único que pode "pedir o que lle corresponde a Galiza e conseguir que o debate sobre o modelo territorial non sexa truncado por separatistas e experimentos que non son bos para ninguén".

Por outro lado, en declaracións para a Cadena Ser, o secretario xeral dos populares, Xesús Palmou, recoñeceu que saen derrotados das eleccións autonómicas galegas "será máis dificultoso que o PP chegue ao goberno de España". Palmou opinou que "un goberno PSOE-BNG no canto de resolver problemas para Galiza, crearía novos problemas".

Debate posíbel
Mentres, en visita por terras ourensás, o voceiro nacional do BNG recuperou a petición dun debate televisado dos tres principais candidatos antes da próxima cita coas urnas. "Fraga ten que responder dunha vez se é capaz de afrontar ese debate", desafiou Anxo Quintana. O líder nacionalista que expresou o desexo de que Xosé Manuel Beiras participe na campaña electoral do BNG e que o faga ademais "onde queira e como queira", amosouse seguro de que se PP e PSdeG aceptan o debate en TV "Galiza terá un presidente nacionalista".

Ao tempo, Francisco Rodríguez, deputado do Bloque no Congreso, declaraba esta fin de semana que será clave para o país "que o cambio permita que unha forza galega determine o proceso, creando unha dialéctica política totalmente distinta". "Galiza xógase que xurda un goberno que non estea determinado por Madrid e ao servizo dun partido estatal", advertiu Rodríguez.

Incertezas sobre a alternativa
"As rifas de Fraga son coma as dos avós, ninguén lles fai caso xa, nin sequera no seu propio partido", afirmou o secretario xeral do PsdeG. "E os cidadáns non queren broncas, queren gobernos comprometidos e que colaboren lealmente", dixo Touriño, quen insistiu en restrinxir a alternativa ao debate entre Fraga e el mesmo: "A maioría de cidadáns pensa nun presidente do PSOE ou nun presidente do PP".


0/5 (0 votos)