Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INFORME ANUAL

O défice sanitario e a contaminación acústica enchen a trouxa do Valedor do Pobo

Longas esperas durante meses para ser atendidos na sanidade pública, falta de recursos e material nos centros sanitarios, mala atención ou problemas cos médicos... A Sanidade xunta outra vez unha alta porcentaxe das queixas dos cidadáns ao Valedor do Pobo, que este luns presentou o seu informe anual: 1.400 reclamacións presentaron nos galegos, nunha lista que ten na primeira posición a denuncia dos excesos acústicos nos locais nocturnos.

- 12:27 26/04/2005
Tags:

Os veciños das principais zonas de lecer nocturno das principais cidades e vilas galegas enchéronlle nos últimos doce meses a caixa de correo ao Valedor do Pobo, Xosé Ramón Vázquez Sandes. Segundo o informe da institución, o ruído que sofren os cidadáns nas súas vivendas nestes lugares motivou case a cuarta parte das queixas recibidas. Sandes acusou aos concellos de falta de control nos horarios dos locais, malia precisar tamén que dende as administracións locais advirten da falta de normativas estrictas e de medios para corrixir a situación que sofren. Así, o Valedor critica á Xunta neste punto e avisa que as sancións son pequenas e que moitas denuncias caducan antes mesmo de resolvérense.

Por outro lado, a lista de queixas ten na segunda posición en canto a número as eivas do sistema sanitario. O Valedor destacou que as listas de espera seguen sendo un problema para os cidadáns, que deben agardar moitos meses antes de seren atendidos, e advertiu que as solucións aplicadas pola administración son só parciais.

No informe entregado este luns ao presidente do Parlamento Galego, o Valedor destaca tamén outras reclamacións: denuncia o risco e o deterioro dos solos máis productivos polo seu uso forestal, práctica que segundo subliña está prohibida pola Lei do Solo; advirte que a Xunta ten débedas por valor de 13 millóns de euros no pagamento de expropiacións e avisa da crecente falta de prazas en centros xeriátricos.


Ligazóns

0/5 (0 votos)