Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
G>2005

PP: mirando ás cidades, atentos á emigración e con data para a proclamación de Fraga

Será o próximo día 8 de maio en Santiago de Compostela, e convertirase no primeiro gran acto da precampaña popular, con previsíbel asistencia do presidente do partido, Mariano Rajoy: a proclamación oficial de Manuel Fraga coma candidato do PP á presidencia da Xunta. Promesas de pleno emprego, cavilacións sobre como entrar a apañar voto nas áreas urbanas e aceleración da axenda para a emigración son outras novidades na actividade do PPdeG.

- 08:39 26/04/2005
Tags:

Fraga é o único dos tres aspirantes que aínda non foi oficialmente declarado candidato no seu partido. Con tal motivo, os populares celebrarán a que en realidade sería a segunda gran xuntanza de líderes do partido nas últimas semanas, logo do cumio anti-Zapatero realizado tamén en Compostela cando aínda non se confirmara o adianto electoral. Para pouco despois, a axenda fraguiana para mediados de maio ten tamén cita fixada en Arxentina e Uruguai, a onde viaxará para estimular o voto da emigración ao PP. Ao respecto, o propio Fraga destacaba este luns o informe enviado polo conselleiro de Emigración arredor do éxito de convocatoria do acto electoral convocado polo PP en Uruguai, "con asistencia de 1.500 persoas", e no que estiveron presentes entre outros o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Xosé Manuel Figueroa e os alcaldes de Ferrol e Ourense.

"Queremos facer de Galiza, unha gran cidade, con grandes áreas metropolitanas", con esa prioridade saiu Manuel Fraga da xuntanza do comité de dirección do PPdeG, ao tempo que anunciaba que o programa electoral non estará listo antes de dúas semanas e que descartaba asistir a un debate cos candidatos de BNG e PSOE: "En Inglaterra nunca os houbo e é o país máis organizado politicamente".

"Pleno emprego, estábel e de calidade" será un dos principais obxetivos de goberno vendidos en campaña polo PP, segundo avanzaba tamén este luns Manuel Fraga, quen detallaba o proxecto de investimentos de cinco millóns de euros para a modernización das oficinas de emprego e un plan de emprego feminino. Ao tempo, tamén neste punto a estratexia do PP pasa por laiarse da presunta "marxinación en materia de emprego" á que o goberno Zapatero estaría somentendo a Galiza. Segundo Fraga, "a modificación de criterios de asignación de fondos do Goberno Zapatero para políticas activas de emprego supuxo que Galicia deixara de pericibir preto de dous millóns de euros".


Ligazóns

0/5 (0 votos)